O esforzo e a constancia de sete persoas con discapacidade parte de Amicos acaba de recibir un recoñecemento inédito. O equipo de fútbol sala adpatado de Amicos, que conforman estes sete homes e mulleres, ven de gañar a Liga Club Fademga-Special Olympics Galicia por vez primeira.
Os deportistas gañadores son Marcelino Romero (porteiro), Miguel Cancelas, Manuel García, Rosa España, Francisco Rodríguez, María Formoso e Carlos Castro. Durante varios meses enfrontáronse a equipos de toda a xeografía galega conseguindo un 100% de vitorias.
Os usuarios de Amicos recolleron o trofeo recentemente nunha gala de Special Olympics celebrada no colexio La Salle de Santiago de Compostela. Ao subir ao estrado recolleron, ademais, cadansúa medalla e un obsequio. Posteriormente compartiron un xantar co resto de deportistas desta e outras disciplinas.
Amicos leva participando na liga de Special Olympics de fútbol sala, a maior rede de deporte para persoas con discapacidade no mundo, dende 2010. Os partidos da casa xóganse no Pavillón Municipal de Ribeira.
O deporte, ferramenta de integración
A Asociación entende o deporte como unha ferramental básica para fomentar non só o bo estado físico dos usuarios senón tamén a súa integración na súa contorna social. Así, ademais de fútbol sala, os usuarios de Amicos practican regularmente outras especialidades deportivas como, por exemplo, natación ou a arte marcial kempo.