• Pablo Fernández visitou o noso Centro de Atención Integral e participou nunha xornada de restauración ambiental no Parque Nacional das Illas Atlánticas
  • Os programas de Formación Dual facilitan que as persoas con discapacidade participantes obteñan coñecementos teóricos e prácticos que incrementen as súas posibilidades de acceder a un emprego

 

Este venres recibimos no noso Centro de Atención Integral a visita do secretario xeral de Emprego da Xunta de Galicia, Pablo Fernández, nunha xornada centrada en coñecer de preto os programas de Formación Dual que desenvolvemos en Amicos a través do noso Centro Especial de Emprego Servinserta.

A visita comezou cun encontro co alumnado-traballador da Formación Dual Oficina de Validación Cognitiva. Durante este espazo, os e as participantes compartiron a súa experiencia ao longo dos dous anos de formación e como afrontan a súa recta final. Ao remate, oito persoas obterán o certificado profesional en operacións auxiliares de servizos administrativos e xerais, xunto con formación complementaria en accesibilidade e adaptación de contidos a linguaxe máis comprensible.

A continuación, foi a quenda do programa Natura II, no que o alumnado combina formación teórica e práctica en actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería. Un programa que incorpora tamén contidos vinculados á recuperación de ecosistemas mariños e terrestres.

 

 

 

 

Neste contexto, os propios participantes foron os encargados de amosar o funcionamento do laboratorio de macroalgas de Amicos, un espazo no que se desenvolven tarefas de cultivo e preparación de laminarias, utilizadas en accións de restauración ambiental, ao tempo que se adquiren competencias técnicas especializadas.

A xornada completouse cunha saída ao mar, na que o secretario xeral participou nunha acción de restauración nas augas do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, consistente na solta de soportes de laminaria.

Durante esta actividade tamén estiveron presentes a alcaldesa de Ribeira, María José Sampedro; a concelleira de Promoción Económica e Emprego, Carmen Pérez; e o presidente da agrupación de mariscadores da Confraría de Carreira-Aguiño, Manuel Ángel Reiriz, nun exemplo de colaboración entre administracións, sector pesqueiro e entidades sociais.

A visita permitiu poñer en valor estes programas como ferramentas que combinan formación e experiencia práctica, facilitando a adquisición de competencias e mellorando as oportunidades de acceso ao emprego para as persoas participantes.

 

NOVAS EN MEDIOS

XUNTA DE GALICIA

CANAL BARBANZA

DIARIO DE AROUSA

O BARBANZA

EL CORREO GALLEGO

DIARIO GALLEGO

NUEVODIARIO.ES

 

Para máis información:

981 865 716

658 753 047

hola@amicos.org