- A xornada de restauración de fondos mariños desenvolveuse este venres, 24 de abril, nas augas de Cudillero e Luarca coa participación de sociedade civil, xente do mar, autoridades e centros tecnolóxicos
- A acción enmárcase no compromiso de Amicos coa restauración activa dos fondos mariños no Cantábrico
Este venres, 24 de abril, volvemos ao mar cunha nova xornada de restauración ambiental nas costas asturianas. Desta vez, os nosos activistas medioambientais soltaron case un milleiro de soportes de laminaria nas augas de Cudillero e Luarca, da man dos mariñeiros da zona.
Xunto a profesionais do ámbito científico, do sector pesqueiro e da sociedade civil, sumamos esforzos para reforzar os bosques de laminarias na zona, un dos hábitats máis valiosos e tamén máis afectados do Cantábrico.
Ao longo da xornada soltamos máis de 1.000 soportes de Laminaria ochroleuca, unha especie clave para a biodiversidade mariña. Porque as laminarias son auténticos bosques submarinos que dan refuxio a numerosas especies, protexen a costa e axudan a frear o cambio climático ao absorber CO₂.
Detrás de cada unha destas accións hai moito máis do que se ve no mar. O proceso comeza meses antes, no noso laboratorio de cultivo de macroalgas, onde traballamos coas laminarias desde as súas fases máis iniciais ata que están listas para volver ao seu hábitat natural.

Esta xornada foi posible grazas ao traballo conxunto con entidades como as universidades da Coruña e Oviedo, a Federación Nacional de Confrarías de Pescadores, as confrarías de Luarca, Cudillero e Aguiño-Carreira, e a Fundación Caja Rural de Asturias. Unha alianza que demostra que cando conectamos coñecemento, experiencia e compromiso, somos capaces de dar resposta a retos reais.
E, sobre todo, grazas ás persoas que están detrás de todo isto. Como Thais, unha das nosas activistas, que resume a experiencia de participar na recuperación das laminarias como o sentir que estamos devolvéndolle ao mar parte de todo o que nos dá.
Esta acción forma parte do proxecto CABALGA II, que conta coa colaboración da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxia e o Reto Demográfico, a través do programa PLEAMAR, cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).
NOVAS EN MEDIOS
Para máis información:
981 865 716
658 753 047


