• Novas incorporacións para seguir construíndo un Amicos máis forte e conectado co territorio
  • Un percorrido polas aulas, obradoiros e proxectos que dan vida ao noso día a día

 

Esta semana recibimos no noso Centro de Atención Integral a visita da Xunta Directiva de Amicos nunha xornada moi especial, marcada tamén pola incorporación de novos membros ao órgano directivo da entidade. Un encontro pensado para compartir, ver o traballo que desenvolvemos cada día e seguir fortalecendo a conexión entre as persoas que forman parte da familia Amicos.

Ao longo da mañá, os e as integrantes da Xunta tiveron a oportunidade de percorrer os distintos espazos do CAI e descubrir de primeira man como se desenvolve a actividade diaria nos diferentes servizos de Amicos.

A visita comezou no CEEPR Amicos, onde puideron achegarse ás aulas e coñecer algunhas das dinámicas e actividades que realiza o alumnado. Un espazo cheo de aprendizaxe, participación e experiencias compartidas no que viro o traballo do alumnado tanto nas aulas como o específico coas especialistas.

 

 

 

 

Despois foi a quenda do centro de día e ocupacional, onde os usuarios e usuarias fixeron partícipes aos visitantes dos obradoiros nos que estaban traballando nese momento. Houbo tempo para conversar, compartir impresións e coñecer o valor que teñen estas actividades na vida diaria das persoas que forman parte da entidade.

Durante o percorrido, a Xunta Directiva tamén puido descubrir varias das formacións que actualmente estamos desenvolvendo no CAI, así como achegarse a algúns dos proxectos medioambientais impulsados polos nosos activistas ambientais. Unha oportunidade para amosar como inclusión, formación, emprego e sustentabilidade van da man en moitas das iniciativas que promovemos desde Amicos.

A xornada serviu tamén para poñer en valor o traballo de todo o equipo humano da entidade, das persoas usuarias e das familias que forman parte deste proxecto colectivo. Porque detrás de cada actividade, formación ou iniciativa hai moitas persoas traballando para construír oportunidades reais e unha sociedade máis inclusiva.

 

 

 

Para máis información:

981 865 716

658 753 047

hola@amicos.org