• O servizo de orientación laboral continuará prestando apoio especializado a persoas con discapacidade da zona
  • A colaboración entre ambas entidades seguirá impulsando iniciativas sociais e medioambientais como o proxecto TRAP

 

A Casa consistorial de Caldas de Reis acolleu esta semana a sinatura da renovación do convenio de colaboración entre o Concello caldense e a nosa entidade. Un acto no que estiveron presentes o alcalde, Jacobo Pérez, e o responsable da nosa área de Alianzas con Persoas e Empresas, Miguel Beiro.

Así, o acordo recolle a continuación do servizo de orientación laboral especializado que ofrece o equipo de orientación laboral de Amicos nun espazo municipal cedido polo Concello. Un punto de atención desde o que acompañamos a persoas con discapacidade nos seus procesos de formación, procura de emprego e mellora da súa autonomía persoal e profesional.

Só no último ano, máis de 50 persoas da comarca recibiron apoio individualizado da man do noso equipo técnico, participando en itinerarios adaptados ás necesidades e obxectivos vitais de cada unha delas.

Pero esta colaboración vai máis alá do emprego. Caldas e Amicos seguimos tamén sumando esforzos en diferentes iniciativas de sensibilización e coidado ambiental, entre elas o noso novo proxecto europeo TRAP, centrado na redución da contaminación plástica nos ecosistemas fluviais e mariños e na promoción dunha maior conciencia ambiental na comunidade.

Durante o encontro, ambas entidades coincidimos tamén na importancia de seguir traballando en rede para atopar novas vías de financiamento que permitan ampliar recursos, mellorar os servizos e continuar xerando oportunidades reais desde o territorio.

O alcalde de Caldas, Jacobo Pérez, puxo en valor o traballo que realizamos acompañando ás persoas e impulsando iniciativas que contribúen a construír unha sociedade máis inclusiva e comprometida coa contorna.

Pola nosa parte, Miguel Beiro agradeceu a confianza e implicación do Concello, destacando a importancia das alianzas coas administracións locais para achegar os servizos ás persoas e seguir construíndo oportunidades desde a proximidade.

Seguimos avanzando da man de entidades e institucións que cren no traballo colaborativo, na inclusión e no impacto positivo que se poden xerar este tipo de alianzas.

 

Para máis información:

981 865 716

658 753 047

hola@amicos.org