- O 27 de maio celebramos en Exposalnés (Cambados) un encontro participativo no marco do proxecto europeo TRAP.
- Este contou coa participación de administracións, centros educativos, tecido social e cidadanía que traballarán conxuntamente na protección do río Umia.
- A iniciativa busca reducir a contaminación plástica nos ríos antes de que chegue ao océano Atlántico mediante solucións innovadoras baseadas na natureza.
Este mércores, 27 de maio, o equipo de Amicos celebrou a presentación do proxecto europeo TRAP cun encontro participativo celebrado en Exposalnés, en Cambados. Neste primeiro paso, reunimos distintas entidades, institucións, empresas e centros educativos vinculados ao río Umia para comezar a construír conxuntamente solucións fronte á contaminación por plásticos neste ecosistema fluvial.
A xornada arrancou cunha dinámica de presentación conducida polo noso activista medioambiental Miguel Cancelas, co apoio de Pilar Sampedro. Tras ela, Yassin El Aarmy e Sara Mejuto, técnica do proxecto, presentaron TRAP – Transforming Rivers by Reducing Aquatic Plastic Pollution, iniciativa cofinanciada polo programa Interreg Atlantic Area da Unión Europea.
Durante esta compartimos os seus principais obxectivos, centrados en desenvolver e probar solucións innovadoras e baseadas na natureza para reducir a presenza de residuos plásticos nos ríos antes de que cheguen ao océano.
No caso de Galicia, o río Umia foi o territorio escollido para desenvolver estas accións, tanto polo seu valor ecolóxico como polos retos ambientais que presenta ao seu paso por municipios como Caldas, Meis e Cambados.

Pero unha das partes máis enriquecedoras da mañá chegou coa dinámica participativa de cartografía social. Nela, as persoas asistentes identificaron sobre o mapa aqueles puntos do río nos que detectan problemáticas ambientais, acumulación de residuos ou necesidades de intervención. Un exercicio colectivo moi valioso que nos permitirá adaptar as futuras accións do proxecto ás necesidades reais do territorio.
Ao longo dos próximos meses, o proxecto continuará avanzando con novas accións de limpeza participativa, instalación de solucións naturais para a retención de residuos e actividades de sensibilización ambiental. Todo iso cunha idea clara: que a protección do Umia sexa tamén unha tarefa compartida, participativa e conectada co territorio.
Como en moitos dos proxectos medioambientais que desenvolvemos en Amicos, as persoas con discapacidade intelectual terán tamén un papel fundamental dentro de TRAP, participando como activistas medioambientais tanto na aplicación e seguimento das solucións técnicas como nas accións de sensibilización coa comunidade educativa e a cidadanía.
O consorcio internacional do proxecto está liderado polo Instituto Superior Técnico de Lisboa e reúne nove entidades de Portugal, España, Francia e Irlanda, combinando experiencia científica, tecnolóxica e social. Entre as entidades participantes atópanse Trinity College Dublin, Atlantic Technological University, Universidade de Sevilla, Petra Patrimonia Maritima, Seabird, 4change, ISDIN e Amicos, entre outras.
O proxecto europeo TRAP (Transforming Rivers by Reducing Aquatic Plastic Pollution) é unha iniciativa cofinanciada polo programa Interreg Atlantic Area da Unión Europea.
NOVAS EN MEDIOS
Para máis información:
981 865 716
658 753 047
hola@amicos.org


