• No curso, que consistiu en dez sesións semanais, formáronse un total de 30 persoas de Italia e España
  • MUSE é un proxecto financiado polo programa Erasmus+, na convocatoria de Asociacións a Pequena Escala (KA210) de 2024 no ámbito da Formación Profesional.

 

Despois de varias semanas de traballo e intercambio, o consorcio do proxecto MUSE clausuramos o curso online do proxecto posto en marcha en febreiro coa idea clara de que a formación cobra máis sentido cando se comparte e se leva á práctica. Esta iniciativa é un proxecto colaborativo impulsado por Amicos e as entidades italianas Università Popolare de MusicArTerapia e Cooperativa umanista Mazra, e é financiado polo programa Erasmus+, na convocatoria de Asociacións a Pequena Escala (KA210) de 2024 no ámbito da Formación Profesional.

As 30 persoas participantes desta formación en MusicArTherapy e a Globalidade dos sentidos completaron o itinerario formativo, o que se recoñece coa entrega dos certificados de finalización. O grupo de alumnos e alumnas contou tamén con varios técnicos e técnicas do noso equipo, que se implicaron activamente ao longo de todo o proceso.

As sesións, conducidas por Stefania Guerra Lisi, foron moito máis ca formación teórica. Grazas tamén ao labor de tradución simultánea ao castelán da nosa voluntaria europea Sara, puidemos seguir cada contido e, compartir experiencias e formas de entender o acompañamento ás persoas con discapacidade intelectual e/ou necesidades de apoio a través da MusicArTherapia.

 

 

 

 

Un dos aspectos máis enriquecedores foi precisamente o de escoitar e coñecer as traxectorias doutros profesionais e participantes. Así, cada sesión converteuse nun espazo aberto no que sumar miradas, aprendizaxes e vivencias arredor da música, a arte e o coidado ao longo da vida.

Nos próximos meses, o proxecto MUSE seguirá avanzando con novas reunións entre as entidades socias, nas que continuaremos traballando de forma conxunta para dar forma aos seguintes pasos. Asemade, é posible que en Amicos tamén desenvolvamos obradoiros de MusicArTherapia nos que os nosos usuarios e usuarias poidan participar activamente, ao tempo que o equipo técnico pon en práctica todo o aprendido durante este proceso formativo.

 

Para máis información:

981 865 716

658 753 047

hola@amicos.org