• O equipo de AMI4CEI non só traballa para acompañar e insertar laboralmente ás persoas participantes, tamén busca consolidar os seus postos de emprego
  • AMI4CEI está cofinanciado polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+) no marco do Programa EFESO 2021-2027, a través de CEPES

 

Se en moitos casos conseguir un emprego xa é todo un reto, para moitas persoas con discapacidade ou en situación de vulnerabilidade, mantelo no tempo é incluso máis complicado pola natureza dos postos. De feito, segundo datos do Observatorio Estatal da Discapacidade, en 2024 a taxa de estabilidade da contratación das persoas con discapacidade situouse no 31,57 %, moi por debaixo da media xeral.

Por iso, a labor do equipo de AMI4CEI non remata no momento da incorporación ao mercado laboral dos participantes do proxecto. Traballa para que cada oportunidade teña máis posibilidades de consolidarse e converterse nun emprego estable.

E isto faino a través dun acompañamento personalizado, no que parten das necesidades, capacidades e obxectivos de cada persoa para reforzar competencias, ofrecer formación e dar resposta ás dificultades que poidan aparecer no día a día. Un paso que dan tamén ao lado das empresas, coñecendo as súas necesidades e facilitando a comunicación para que a relación laboral funcione para todas as partes.

Sobre isto fálanos Miguel Beiro, responsable da nosa área de Alianzas con Persoas e Empresas de Amicos, que nos conta como se desenvolve este acompañamento e cando é necesario poñelo en marcha. Descubre no seguinte video como traballamos para que as persoas non só cheguen a un emprego, senón que poidan mantelo e medrar nel.

E mentres acompañamos ás persoas e ás empresas, tamén seguimos mellorando o noso propio servizo de formación e emprego, reforzando a coordinación do equipo, compartindo coñecemento e desenvolvendo novas ferramentas para ofrecer unha atención cada vez máis individualizada.

Porque un emprego significa moito máis que un contrato, é estabilidade, autonomía, aprendizaxe e novas oportunidades para construír un proxecto de vida.

AMI4CEI está cofinanciado polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+), no marco do Programa EFESO 2021-2027, a través de CEPES, que actúa como organismo intermedio. O proxecto continuará activo ata finais de 2026.

 

Para máis información:

981 865 716

658 753 047

hola@amicos.org