• A iniciativa combina restauración ambiental, participación comunitaria, educación ambiental, formación e emprego verde.
  • Monte Vivo BBVA está impulsado por Amicos e conta coa colaboración da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da Caridade, así como o apoio da Fundación BBVA

 

Amicos pon en marcha Monte Vivo BBVA, un proxecto para contribuír á recuperación do Monte da Caridade, en Monterrei (Ourense), tras os incendios forestais de 2025. A iniciativa combina restauración ambiental, participación comunitaria, educación ambiental, formación e emprego verde.

O Monte da Caridade, cunha superficie próxima ás 193 hectáreas, foi un dos territorios gravemente afectados polos incendios de 2025. Ante esta situación, Amicos e a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da Caridade reforzamos a nosa colaboración para traballar na recuperación e conservación deste espazo.

Agora damos un novo paso nesta alianza grazas a Monte Vivo BBVA, que desenvolveremos entre agosto de 2026 e xullo de 2027 e que nos permitirá impulsar diferentes accións para recuperar o patrimonio forestal, ambiental, social e cultural do territorio.

A iniciativa parte da idea de que a recuperación dun territorio debe ir acompañada de novas oportunidades para as persoas que viven nel. Por iso, unha das principais liñas de traballo será o emprego verde, con seis talleres formativos dirixidos especialmente a persoas en situación de vulnerabilidade e o desenvolvemento de experiencias piloto relacionadas coa conservación e xestión do territorio.

O proxecto tamén creará unha rede territorial para a dinamización inclusiva do Monte da Caridade, reunindo entidades e axentes locais para coñecer as necesidades da zona e definir accións que contribúan ao seu desenvolvemento sostible.

E como sempre, @s activistas medioambientais de Amicos terán un papel fundamental, conducindo as accións recuperación e reforestación e conducindo as actividades de educación e sensibilización ambiental.

Ademais, desenvolverase un programa educativo e unha aula móbil que permitirá achegar a diferentes públicos coñecementos sobre a importancia dos ecosistemas terrestres, a conservación do patrimonio forestal e a adaptación ao cambio climático.

 

Unha alianza para coidar o territorio

Desde Amicos agradecemos á Comunidade de Montes de A Caridade a confianza para seguir traballando conxuntamente na custodia ambiental e recuperación deste territorio.

Tamén agradecemos á Fundación BBVA o seu apoio e confianza, fundamentais para poñer en marcha unha iniciativa que conecta sustentabilidade, inclusión e desenvolvemento rural.

 

Para máis información:

981 865 716

658 753 047

hola@amicos.org