- O novo revestimento térmico da fachada do Fogar Amicos axuda a manter unha temperatura máis confortable no interior e mellora a eficiencia e a durabilidade do edificio
Que converte un edificio nun fogar? En Amicos pensamos que todo aquello que incremente a comodidade de quen vive nel, pero sobre todo un fogar fórmano as persoas que o habitan e o coidado que poñemos en que se sintan ben nel.
Por este motivo, no Fogar Amicos seguimos traballando para que as persoas que viven aquí teñan un espazo cada vez máis confortable, seguro e agradable. E esta vez puxémonos unha especie de escudo térmico.
Durante os últimos meses levamos a cabo o proxecto Escudo Térmico Amicos, unha actuación centrada na mellora do illamento da fachada do Centro Residencial Amicos. A intervención consistiu na instalación dun sistema de revestimento e illamento térmico que axuda a protexer o edificio das condicións meteorolóxicas e, ao mesmo tempo, a manter unhas condicións máis confortables no seu interior.
Pode parecer que estamos falando simplemente de paredes, fachadas e materiais. Pero, para nós, falar de illamento térmico é falar de benestar. Porque unha boa temperatura no fogar inflúe directamente en descansar mellor, gozar dos espazos comúns, realizar actividades ou, simplemente, sentirse a gusto no lugar que chamamos casa.
E aquí viven 37 persoas con discapacidade intelectual, autismo e parálise ou dano cerebral, con necesidades de apoio extenso e xeneralizado. Para elas, contar cun contorno estable, confortable e adaptado ás súas necesidades é especialmente importante. Por iso, cada mellora que facemos no Fogar ten un obxectivo moi claro, que non é outro que que as persoas que forman parte da familia de Amicos e que residen aquí sepan que este é o seu fogar.
Esta actuación, posible grazas ao apoio da Fundación ONCE, tamén contribúe a optimizar o consumo enerxético, facendo o edificio máis eficiente e sostible, e axuda a prolongar a súa vida útil ao protexelo fronte aos axentes externos.
En definitiva, é unha mellora que quizais non sexa das máis visibles cando pensamos no día a día do Fogar, pero que ten un impacto moi real. Porque detrás de cada mellora estructural sempre hai un obxectivo maior: mellorar a vida das persoas que viven nel.
Para máis información:
981 865 716
658 753 047


