• Begoña Abeijón achegouse para coñecer da man d@s nos@s activistas medioambientais as últimas novidades en materia medioambiental e xa a liamos para participar en ExpresArte
  • Acompañada por catro persoas do seu equipo, meteuse na pel dos participantes no obradoiro de sensibilización de arte con materiais reciclados e participou nunha xornada de restauración de fondos mariños nas augas de Sálvora
  • Na restauración tamén participaron Vicente Mariño e Juana Brión, concelleiros de Servizos Sociais e Educación e Formación respectivamente, do Concello de Ribeira

 

A mañá deste mércores, 19 de agosto, volvemos a pasar unha xornada do máis especial coa directora xeral de Persoas con Discapacidade da Xunta de Galicia, Begoña Abeijón. Achegouse xunta a catro persoas do seu equipo ao noso Centro de Atención Integral para coñecer as últimas novidades en materia medioambiental.

Como Begoña xa é unha máis da nosa familia, nesta ocasión a visita non xirou en torno a unha gran explicación das iniciativas. No seu lugar, as convidadas puxéronse mans á obra na actividade ExpresArte, onde crearon unhas composicións moi chulas coa axuda dos activistas.

Así viviron en primeira persoa unhas das actividades de sensibilización máis exitosas entre o alumnado, que mediante ela ven a cantidade de refugallos que tiramos ao mar, ao tempo que aprenden que algúns refugallos mariños teñen unha segunda vida

A continuación, o alumnado-traballador do programa Dual Natura II, especializado na restauración de fondos mariños, acompañounas ao Laboratorio de Macroalgas de Amicos, onde lles explicaron o proceso de cultivo das laminarias, desde a súa chegada en forma de gametofitos ata que están preparadas para regresar ao medio natural.

E o seguinte paso non podía ser outro que embarcarse para soltar as laminarias cultivadas no mar. E por iso en Aguiño reunímonos con Manuel Reiriz, e Vicente Mariño e Juana Brión, concelleiros de Servizos Sociais e Educación e Formación respectivamente, do Concello de Ribeira. E todos xuntos dirixímonos ás augas cercanas a Sálvora, do Parque Nacional MT das Illas Atlánticas, para realizar a solta dos 100 soportes.

Se ben esta non era a primeira xornada de restauración para Begoña Abeijón, que xa nos acompañou en xullo do ano pasado, foi unha mañá do máis especial e divertida.

 

 

 

 

Abeijón destacou que “para a Xunta de Galicia é un pracer colaborar un ano máis nun proxecto medioambiental de Amicos e participar nesta plantación de 100 soportes de laminaria. E tamén acompañalos, porque o valor máis especial da entidade non é só o seu apoio ás persoas con discapacidade senón que as integra na sociedade, participando en proxectos de primeiro nivel que non só contan con recoñecementos a nivel estatal senón tamén a nivel europeo. O coidado do medioambiente é moi importante, pero sobre todo éo darlles un obxectivo ilusionante e que se sintan parte de algo máis grande”.

Pola súa banda, o noso director xeral, Xoán España, afirmou: “agradecemos de corazón que a directora xeral volva achegarse para coñecer esta evolución e compartir unha xornada cos nosos activistas. Non podemos máis que agradecer o apoio constante da Consellería de Política Social e Igualdade ás entidades sociais, un apoio que non se queda en financiar, senón que se ve tamén á hora de participar e implicarse persoalmente por parte de todo o equipo da consellería”.

“Dende Amicos agradecemos a colaboración e a escoita constante, e o apoio aos programas que nos permiten avanzar como son os de novas tecnoloxía e innovación, así como o apoio á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas e do imposto de sociedades”.

 

Restauración de fondos mariños en 2026

No que vai de 2026, o equipo restaurou 661 gorgonias en Galicia, co apoio da Confraría de Carreira-Aguíño, e 83 en Asturias, en colaboración coas confrarías de Luarca e Cudillero. A estas actuacións súmanse 2.800 soportes de laminaria e 600 unidades de zostera.

O traballo dá continuidade aos resultados de 2025, cando Amicos restaurou 668 gorgonias, 1.789 soportes de laminaria e 1.100 unidades de zostera. Estas intervencións forman parte dunha liña de restauración activa dos ecosistemas mariños que combina conservación ambiental, formación especializada e participación das persoas con discapacidade intelectual.

Neste sentido, @s activistas ambientais non só desenvolven tarefas de restauración, senón que tamén exercen como axentes de sensibilización, encargad@s de explicar e transmitir o coñecemento adquirido durante a súa formación.

 

 

 

Para máis información:

981 865 716

658 753 047

hola@amicos.org

 

NOVAS EN MEDIOS

CANAL BARBANZA

CANAL RÍAS BAIXAS

O BARBANZA

DIARIO DE AROUSA

XUNTA DE GALICIA