Dándolles a formación e o apoio personalizado que necesitan, as persoas con discapacidade, mesmo aquelas que pertencen ademais a outro colectivo especialmente vulnerable -por exemplo as mulleres maltratadas- poden participar no mercado de traballo como as demais. Esta é a premisa que inspira á Asociación Amicos e á Fundación “la Caixa” para colaborar dando formación individualizada a este colectivo. Unha colaboración que leva anos en marcha e que hoxe ofrece un novo froito tanxible, ao recibiren doce persoas con discapacidade o diploma de Prevención en Riscos Laborais.

A ducia de alumnos foron os protagonistas do acto de entrega, organizado esta tarde no Centro Social de Boiro e no que tamén participaron Francisco Sarasquete, director de CaixaBank de Boiro; Beatriz Deus, concelleira de Servizos Sociais do Concello de Boiro e Xoan España director xeral de Amicos.

O director xeral de Amicos salientou o éxito deste programa, que logrou durante 2017 formar a unhas 50 persoas, das que 20 seguen a ter un posto de traballo na actualidade. España subliñou a importancia de ser constante na formación e na busca de emprego e agradeceu a colaboración do Concello de Boiro por ceder os espazos e o apoio de persoal necesario.

O director xeral tivo palabras de agradecemento tamén para la Caixa, polo seu prolongado compromiso coa integración de persoas con discapacidade no Barbanza.

“Ser de Caixabank tamén implica axudar nestas actividades, que demostran o transfondo social que hai detrás dunha entidade como la Caixa”, engadiu o representante da entidade bancaria. Pola súa banda, a concelleira de Servizos Sociais felicitou aos alumnos e animou aos estudantes a seguiren utilizando os recursos públicos para a súa formación.

Este curso, impartido tamén coa colaboración do Concello de Boiro, forma parte da Convocatoria Programa Operativo de Inclusión Social e de Economía Social (POISES), o Programa Más Empleo de “la Caixa” cofinanciado polo Fondo Social Europeo e a Fundación Bancaria “la Caixa”.

Estamos ante un proxecto especialmente ambicioso, que comezou en 2017 e se prolongará até polo menos 2023. Tal duración permite ofrecer un programa de formación personalizado a cada persoa, adaptando os cursos que recibe ás súas capacidades e intereses, co obxectivo final de que poida acceder a un emprego remunerado e desenvolver unha vida plena. Así, ademais de formación, Amicos e Fundación la Caixa ofrécenlle outros servizos como diagnóstico sociolaboral, axuda na busca de traballo e seguimento unha vez logrado un posto.

O esforzo común de Amicos e La Caixa seguirá dando froitos a partir de setembro, pois están xa programadas varias accións formativas destinadas a que as persoas con discapacidade obteñan títulos recoñecidos, pero tamén adquirir coñecementos básicos -por exemplo como buscar un emprego- que lles poden servir de base firme cara a súa integración no mercado laboral.

Os alumnos da entrega de diplomas de hoxe recibiron formación personalizada durante 50 horas durante este mes. Aprenderon conceptos teóricos imprescindibles cando o día de mañá teñan que incorporarse a un traballo, por exemplo a identificar factores de risco e coñecer os seus dereitos neste eido. A continuación estudaron como previr riscos e facer un seguimento do estado de saúde dos traballadores.

O curso, impartido polo Grupo Arestora, tamén tivo unha vertente práctica, centrada nos primeiros auxilios. Durante cinco horas, os estudantes aprenderon os conceptos básicos sobre como responder as lesións máis frecuentes nos postos de traballo, como queimaduras, fracturas, etc.