Amicos, coa axuda da Fundación laCaixa, segue formando a persoas de colectivos vulnerables do Barbanza para abrirlles as portas ao mercado laboral e, deste xeito, devolver á parte da solidariedade que recibe a Asociación.

Dotar á comunidade con profesionais que saiban combater os incendios no monte era un dos obxectivos do curso cuxos diplomas se entregaron hoxe nun acto en Rianxo. Dez alumnos recibiron a súa acreditación, un dos requisitos mínimos para acceder as brigadas municipais antilume, das mans dos representantes do Concello de Rianxo, Caixabank e Amicos.

Durante varios días, os alumnos recibiron formación tanto teórica e práctica sobre esta materia. Así, estudaron, entre outros temas, o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia. (PLADIGA), como vixiar lumes, primeiros auxilios, comunicacións ou o xeito de organizar o ataque para extinguir un incendio no monte.

ACTO DE ENTREGA

No acto de entrega, a directora de CaixaBank en Rianxo, Reyes Hermida Bouza, felicitou aos estudantes e destacou a importancia e o compromiso de la Caixa para que en localidades pequenas tamén haxa opcións formativas e de traballo para as persoas que o necesitan.

Por parte de Amicos, o director xeral recordou que o dos lumes é un dos “retos” principais aos que se enfronta a nosa sociedade.

“É fundamental que as persoas que levan tempo sen acceder a un traballo non se rendan e sigan a formarse”, engadiu Xoán España, quen animou aos alumnos a seguir en contacto con Amicos para explorar oportunidades de traballo e agradeceu as dúas entidades colaboradoras a súa cooperación.

En representación do Concello de Rianxo, a tenente de alcalde agradeceu a labor de Amicos e de la Caixa. Adelina Ces Quintáns fixo fincapé na necesidade de manter a necesidade de superación e comprometeu a disposición do Concello a seguir traballando en accións formativas deste tipo.

NOVOS CURSOS DE FORMACIÓN EN SETEMBRO

Este curso é parte dun programa máis amplo, no que Amicos ofrece asesoramento laboral e cursos a medida, en función das capacidades e intereses de cada persoa, logrando así máis oportunidades de obter un emprego. Algo que pode supor unha gran diferencia, dado que moitos destes alumnos figuran inscritos como persoas en risco de exclusión diante dos servizos sociais dos respectivos concellos.

Esta labor de cooperación entre entidades e formación continuada que proseguirá en setembro. Haberá máis cursos, tanto para outorgar certificacións profesionais como para ensinar competencias transversais básicas, como as técnicas para buscar un posto de traballo.

Este curso forma parte da Convocatoria Programa Operativo de Inclusión Social e de Economía Social (POISES), Programa Máis Emprego de “la Caixa”, cofinanciado por Fondo Social Europeo e a Fundación Bancaria “la Caixa”.