Tras inaugurar hoxe un curso sobre manipulación de produtos fitosanitarios, as dúas entidades programarán cinco novos ciclos de formación este ano

O ano pasado formaron a 50 persoas, das que 30 lograron insertarse laboralmente

Boiro, 10 de setembro de 2018.- Lograr que as persoas con discapacidade e de colectivos desfavorecidos poidan acceder ao mercado de traballo. Este é un dos obxectivos da colaboración que manteñen a Fundación laCaixa e a Asociación Amicos dende hai varios anos. Hoxe inauguraron no Centro de Atención Integral de Amicos en Boiro un novo curso deste programa de formación conxunto.

Dende este luns, 15 alumnos recibirán formación especializada de Manipulador de Productos Fitosanitarios. Os estudantes mellorarán os seus coñecementos útiles sobre estes produtos e a súa utilización para o combate das pragas que afectan á produción agrícola. As clases serán teóricas e prácticas e terán unha duración de 25 horas lectivas durante os seráns desta semana. Os ciclos formativos deste programa están enfocados en sectores nos que existen oportunidades de emprego na comarca do Barbanza: forestal, agrícola, conserveiro, loita contra o lume, turístico, etc.

Durante a presentación, o director de la Caixa en Boiro destacou o esforzo da entidade para contribuír o desenvolvemento da súa contorna social. “CaixaBank e Obra Social la Caixa apoian á xente na búsqueda de oportunidades laboráis, prioritariamente as persoas con maiores dificultades no seu acceso” dixo Francisco Sarrasquete. Por parte de Amicos, as técnicas de intervención con empresas e persoas agradeceron a colaboración de laCaixa e animaron aos estudantes a aproveitar as oportunidades de emprego e de formación que oferta a Asociación.

As dúas organizacións seguirán a traballar para mellorar a empregabilidade de aquelas persoas que máis o necesitan; por teren algunha discapacidade ou pertencer a grupos en risco de exclusión.

Así, de aquí a fin de ano están previstos cursos sobre Plataformas Elevadoras (15 horas), Operador de Carretillas Elevadoras (20 horas), Alfabetización Dixital e Busca de Emprego a través do Móbil (50 horas), Mentor (3ª ed): ferramentas para a búsqueda de emprego e Primeiros auxilios (8 horas).

Este programa de inserción laboral conta co financiamento do Fondo Social Europeo e a Fundación Bancaria “la Caixa”. Forma parte do Programa Operativo de Inclusión Social e de Economía Social. Durante 2017 este programa formou a unhas 50 persoas, da que unhas 30 lograron un contrato.

Os ciclos formativos están pensados para persoas certificado de discapacidade do 33% ou pertenecer a colectivos vulnerables. Aqueles interesados en participar, poden chamar ao Centro de Atención Integral e seguir a conta “Amicos Emprego” no Facebook.