Tras entregar os diplomas hoxe dun curso sobre ferramentas e habilidades para lograr emprego, están programados outros catro ciclos de formación este ano

O ano pasado formaron a 50 persoas, das que 30 lograron insertarse laboralmente

Noia, 25 de setembro de 2018.- Hai que derrubar barreiras, porque ter algunha discapacidade non debe ser impedimento para lograr un traballo que faculte levar unha vida independente e integrada na nosa contorna social. Esta é a aposta da Asociación Amicos e a Fundación la Caixa a través do seu programa Inserta2, que hoxe clausurou un novo curso de formación.

Oito alumnos recolleron hoxe os diplomas do ciclo “Proxecto Mentor: Ferramentas para a Búsqueda de Emprego”, impartido por técnicos de Amicos e coa colaboración do Concello de Noia. Un dos obxectivos da formación foi aumentar a motivación dos alumnos, que pertencen a un colectivo que sofre a miúdo serias dificultades para acceder ao mercado de traballo.

Así, os asistentes recibiron orientación laboral individualizada, pois a circunstancia de cadaquén é particular e as capacidades destas persoas son tamén diferentes.  Durante 15 horas de clases teóricas e prácticas, aprenderon, entre outras cousas, a como superar as temidas entrevistas de traballo, como buscar outra formación gratuíta ou como acceder ás ofertas de emprego da comarca.

Durante a entrega de diplomas na Sede de Noia Histórica, o representante de la Caixa en Noia destacou o compromiso da entidade en contribuír ao desenvolvemento social das comunidades onde opera. “ Majú Besada dixo que “o importante é que hai un futuro laboral e un percorrido e que chegue a todos os pobos da contorna, da man da Obra Social la Caixa”.

No evento organizado este mediodía tamén participou á coordinadora de Servizos Sociais do Concello de Noia, Yolanda Gómez que aplaudiu a tenacidade dos alumnos e interesouse pola propia opinión do alumnado que recibiu a formación.

Por parte de Amicos, o director xeral lembrou aos alumnos que as portas da Asociación están sempre abertas para axudar a todas as persoas con discapacidade a lograr un emprego. Xoán España fixo énfase en que os estudantes deben manterse activos e estar ao día dos cursos de formación laboral que continuamente programa a Asociación.

Por exemplo, Amicos e la Caixa programarán novos cursos de formación para persoas con certificado de discapacidade do 33% ou pertencentes a colectivos vulnerábeis. Serán sobre Plataformas Elevadoras (15 horas), Alfabetización Dixital e Busca de Emprego a través do Móbil (50 horas) e Primeiros auxilios (8 horas).

Este programa de inserción laboral conta co financiamento do Fondo Social Europeo e a Fundación Bancaria “la Caixa”. Forma parte do Programa Operativo de Inclusión Social e de Economía Social da Unión Europea. Durante 2017 este programa formou a unhas 50 persoas, da que unhas 30 lograron un contrato.