A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, reuniuse esta semana en Santiago de Compostela co noso director, Xoan España.

Nos dous últimos anos a nosa entidade, en colaboración coa Secretaría Xeral da Igualdade, conseguiu 11 insercións de mulleres vítimas de violencia de xénero.

Actualmente 100 mulleres, 30 delas con discapacidade, participan no noso Programa Integrado de Emprego impulsado pola Xunta de Galicia

A atención ás necesidades laborais na discapacidade é prioritaria na colaboración que mantén a Xunta coa nosa entidade.

O noso director, Xoan España, mantivo unha reunión esta semana coa secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella.
Nesta deu a coñecer que máis de 200 mulleres, maioritariamente con discapacidade, están a participar nos diferentes programas que a Consellería de Emprego e Igualdade mantén en colaboración con Amicos.

López Abella puxo en valor a frutífera colaboración entre a Xunta e a nosa entidade cun traballo focalizado na zona do Barbanza, especialmente na área da inserción laboral de mulleres vítimas de violencia de xénero e con discapacidade. Neste sentido, subliñou a participación en 2019 e 2020 de case sesenta vítimas de violencia de xénero en actuacións encamiñadas á súa inserción laboral, conseguíndose, a pesar da covid-19 que un total de 11 delas conseguisen entrar no mercado laboral. A previsión coa que traballou a nosa asociación este ano é na de conseguir que outras 5 persoas que están a pasar por esta situación consigan ocuparse.

Outras cen mulleres desempregadas (30 con discapacidade) toman parte no Programa Integrado de Emprego 2020-2021 que desenvolve a nosa entidade en colaboración coa Consellería de Emprego e Igualdade, cun obxectivo de inserción do 45%.