“Rutas sociais sostibles” é un proxecto social que se desenvolve nos concellos de Pontevedra, Poio e Marín e que ten como finalidade combinar o activismo ambiental co turismo inclusivo mediante a xeración de espazos mixtos de convivencia entre persoas con e sen discapacidade, promovendo o benestar físico e emocional das persoas participantes, ademais da conciencia ecolóxica e social.

Trátase de poñer en valor o patrimonio etnográfico dos municipios de Marín, Poio e Pontevedra, realizando rutas accesibles na procura de muíños, piornos, fornos e outras construcións da arquitectura popular galega (patrimonio etnográfico), desenvolvendo en paralelo o activismo ambiental e combatendo o illamento social que padecen moitas persoas con discapacidade, por causa das barreiras e prexuízos que pesan sobre elas.

Completan o proxecto obradoiros, exposicións e xincanas, tanto para os escolares convidados a participar como para as persoas con discapacidade intelectual implicadas nel. Ao longo dos obradoiros e actividades combínanse a aprendizaxe vencellada á natureza co reforzo e desenvolvemento das interaccións sociais, nun ambiente de compromiso e convivencia.

A experiencia exitosa nunha actividade inclusiva pode motivar ás persoas con discapacidade intelectual a participar en futuros proxectos, non só relacionados coa natureza, senón en calquera ámbito social.