O equipo de Inclusive-Paths participa nuns obradoiros de docencia sobre educación inclusiva
- Profesionais de distintos países europeos compartiron ferramentas, experiencias e retos arredor da inclusión educativa
- O proxecto prepara agora a súa fase piloto para seguir impulsando itinerarios accesibles e acompañamento especializado
O equipo do proxecto Inclusive-Paths pechou estas semanas os primeiros obradoiros internacionais ’Train the Trainers’, nos que participaron tres persoas dos nosos equipos de Transformación e Alianzas con Persoas e Empresas. A iniciativa busca traballar para acadar unha educación máis accesible, inclusiva e adaptada ás necesidades das persoas con discapacidade.
Durante estas sesións online, profesionais das distintas entidades socias participaron nun proceso de formación centrado en mellorar a transición do alumnado con discapacidade cara á educación postsecundaria, un momento clave no que os mozos e mozas se seguen atopando con dificultades provocadas por cuestións como as barreiras, falta de recursos ou dificultades de acompañamento.
Ao longo dos últimos meses, o proxecto estivo traballando no desenvolvemento do manual ‘Creating Inclusive Transition Pathways to Post-Secondary Education’, unha ferramenta pensada para apoiar tanto ao persoal educativo como ás persoas encargadas dos coidados informais no acompañamento das persoas ao longo do seu percorrido formativo.

Nestes dous obradoiros, dous formadores de cada organización socia recibiron capacitación específica para poder trasladar posteriormente estes coñecementos aos seus respectivos países e desenvolver a fase piloto do proxecto.
Asemade, estas sesións convertéronse tamén nun espazo de intercambio entre profesionais. Ao longo das xornadas compartíronse experiencias, boas prácticas e tamén retos comúns arredor da inclusión educativa nos diferentes territorios participantes. Un diálogo que permitiu comprobar que, a pesar dos distintos contextos, existe unha preocupación compartida por seguir construíndo sistemas educativos máis accesibles, comprensibles e centrados nas persoas.
O seguinte paso de Inclusive-Path será a posta en marcha dos obradoiros piloto nos países socios. Neles, profesionais da educación e entidades sociais traballarán para converterse en axentes multiplicadores e embaixadores de prácticas inclusivas, tanto no ámbito da educación secundaria como postsecundaria.
Inclusive-Paths é unha iniciativa posta en marcha pola Universidade de Pedagoxía de Salzburgo, a Organización Católica de Flandres, Emphasys Center, EASPD e Amicos. Está cofinanciado polo programa Erasmus+ da Unión Europea (Proxecto nº 101184315).
Para máis información:
981 865 716
658 753 047