LabMar II arranca cunha xornada medioambiental na Lonxa Nova de Ribeira
- @s nos@s activistas medioambientais guiaron as actividades de sensibilización ambiental xunto ao alumnado do CEIP Plurilingüe O Grupo de Ribeira.
Esta semana demos comezo á segunda edición de LABMAR: Laboratorio participativo para a prevención e valorización de basuras mariñas, cunha xornada de presentación na Lonxa Nova de Ribeira, centrada na educación ambiental e a participación dos máis pequenos.

Nesta actividade participaron arredor de 60 escolares de Educación Infantil e 1º de Educación Primaria do CEIP Plurilingüe O Grupo de Ribeira, que se converteron en protagonistas dunha mañá chea de aprendizaxe e xogos educativos.
Ao longo da xornada desenvolvéronse dinámicas de educación ambiental sobre arte con reciclaxe, clasificación de residuos e a circulación oceánica das basuras mariñas, achegando de forma sinxela e participativa a problemática dos residuos no mar.

Tamén se traballou a importancia da prevención e do coidado do entorno mariño, fomentando a curiosidade e a conciencia ambiental desde idades temperás.
Este tipo de accións permiten seguir visibilizando o traballo dos activistas medioambientais de Amicos, que impulsan a educación ambiental como ferramenta de cambio e sensibilización social.
LABMAR II continúa así o seu percorrido ampliando territorios e sumando axentes para avanzar cara a un obxectivo común: a protección do mar como responsabilidade compartida.
NOTICIAS EN MEDIOS
Para máis información:
981 865 716
658 753 047