Este sábado celebramos a Asemblea Xeral e a IV Comida das Familias
- O equipo fixo balance do traballo desenvolvido durante 2025 e presentou ás familias os novos proxectos e retos da entidade
- Máis dun cento de persoas compartimos unha xornada de encontro, convivencia e celebración

Familias, persoas usuarias e profesionais reunímonos no Centro de Atención Integral de Boiro este sábado, 6 de xuño, para celebrar unha nova Asemblea Xeral, un encontro que nos permite parar por un momento e compartir todo o que fomos construíndo ao longo do último ano.
Durante a mañá, o equipo directivo presentou ás familias o balance do traballo desenvolvido durante 2025, repasando a evolución das distintas áreas da entidade e os proxectos que marcaron estes últimos meses. Foi unha oportunidade para compartir aprendizaxes e marcar os novos retos que temos por diante.
Ao longo da asemblea abordáronse as novidades impulsadas este ano, tanto no ámbito social como no laboral e medioambiental, así como as novas iniciativas que continuarán ampliando as oportunidades e apoios que ofrecemos ás persoas que forman parte da familia Amicos.

Pero, máis alá dos datos e dos proxectos, esta cita segue sendo un espazo fundamental para escoitarnos e reforzar os lazos que nos unen. Por iso, unha vez rematada a asemblea, chegou o momento de trasladarnos ata o restaurante O Trapeiro para celebrar a IV Comida das Familias.
Máis dun cento de persoas participaron nesta xornada de convivencia que xa se converteu nunha tradición dentro da entidade. Así, entre conversas e risas, creamos un espazo para seguir coñecéndonos un pouco máis, compartir experiencias e celebrar todo o que conseguimos cando traballamos xuntos.
Para máis información:
981 865 716
658 753 047