Visitamos EF Ciclos Formativos para seguir avanzando na inclusión

En setembro volvemos ás aulas, e fixémolo cunha visita moi especial. O equipo de EF Ciclos Formativos de CESUGA abriunos as súas portas para que o seu alumnado puidese coñecer de primeira man que é Amicos e que significa ser unha persoa con discapacidade intelectual no mundo actual. Para iso, desprazámonos ata A Coruña, onde Adriana e Pilar foron as encargadas de compartir coa rapazada a nosa forma de entender os apoios e, sobre todo, de facerlles pensar sobre o papel que todos temos na construción dunha sociedade máis inclusiva.
Durante catro sesións con catro grupos diferentes, nas que participaron máis de 50 persoas, falamos de quen somos en Amicos, dos diferentes modelos de intervención e, especialmente, do modelo de atención centrado nas persoas. Tamén falamos das actividades de libre elección e de como apoiar ás persoas para que poidan tomar decisións sobre a súa propia vida, e coñecemos o papel dos nosos activistas como cidadáns activos: persoas que conducen actividades, participan na restauración de ecosistemas mariños, realizan accións de sensibilización ambiental ou achegan a súa experiencia para transformar a sociedade.

Poñerse no lugar de quen apoia. Unha parte moi especial das sesións foi poñer a proba as habilidades do alumnado para apoiar ás persoas, conectando os contidos coa formación e cos ciclos que están a cursar. Falamos tamén de que erros debemos evitar cando apoiamos a unha persoa con discapacidade intelectual e de que capacidades e puntos fortes debemos potenciar para que cada persoa poida desenvolver o seu proxecto de vida.
Foi unha mañá de compartir, preguntar, reflexionar e aprender uns dos outros. E tamén unha oportunidade para comprobar canto avanzamos estes anos como sociedade en materia de inclusión e canto nos queda aínda por seguir construíndo.
Esta actividade forma parte do proxecto Ciudadanía Inclusiva, posible grazas ao apoio do Ministerio de Derechos Sociales, Consumo y Agenda 2030, a través da Dirección General de la Agenda 2030.
Moitas grazas ao equipo de CESUGA por abrirnos as súas portas e ao alumnado por participar con tanta curiosidade e ganas de aprender.
Para máis información:
981 865 716
658 753 047