Coidamos o río Umia coa participación de escolares e activistas ambientais

• Reunímonos en Caldas de Reis con 36 nenos e nenas do CPI Alfonso VII para participar nunha xornada de sensibilización ambiental no marco do proxecto europeo TRAP.

• Recollimos residuos nas ribeiras do río Umia e plantamos especies autóctonas, como ameneiros, salgueiros e carballos, nunha actividade compartida por arredor de 50 persoas.

 

 

O pasado 21 de outubro estivemos na Carballeira de Caldas de Reis para celebrar unha nova xornada de coidado do medio ambiente. Desta vez fixémolo xunto a 36 nenos e nenas do CPI Alfonso VII, representantes institucionais e outros axentes do territorio, nun encontro dedicado á protección do río Umia.

A mañá estivo chea de actividades para descubrir a biodiversidade dos ríos e aprender por que é tan importante reducir os residuos plásticos. A través de xogos e dinámicas participativas, o alumnado puido coñecer mellor os ecosistemas fluviais e reflexionar sobre como podemos contribuír a protexelos no noso día a día.

Despois puxémonos mans á obra. Realizamos unha recollida de residuos nas ribeiras do Umia e participamos na plantación de especies autóctonas, como ameneiros, salgueiros e carballos. Unha forma práctica de aprender que pequenas accións compartidas poden axudar a conservar os nosos espazos naturais. Na xornada tamén participaron os nosos activistas ambientais, que compartiron cos escolares os seus coñecementos e experiencias. Antonio, un deles, destacou o ben que o pasan nestas actividades e a importancia de ensinarlles ás novas xeracións a separar os residuos e non deixar lixo na natureza.

Como el mesmo nos conta: «Gústame moito participar nestas actividades cos nenos e nenas. Unha das miñas favoritas é a recollida, porque ves como os rapaces se animan moitísimo e descobren da nosa man como separar cada residuo».

 

 

Esta actividade forma parte do proxecto europeo TRAP (Transforming Rivers by Reducing Aquatic Plastic Pollution), no que traballamos para buscar novas formas de reducir a contaminación por plásticos nos ríos antes de que cheguen ao océano Atlántico.

En Galicia, coordinamos o Living Lab do río Umia, un espazo de colaboración no que participan administracións públicas, empresas, centros educativos e outros axentes locais. O obxectivo é compartir coñecementos, coñecer as necesidades do territorio e buscar solucións que axuden a protexer este ecosistema. Entre as medidas que se están a desenvolver no proxecto está a instalación de barreiras vexetais e estruturas biodegradables para reter os plásticos e evitar que continúen o seu percorrido polo río.

Este é o segundo encontro do Living Lab, que dá continuidade á primeira xornada celebrada o pasado 27 de maio en Exposalnés, Cambados, na que comezamos a identificar necesidades e posibles áreas de intervención.

En AMICOS cremos que o coidado do medio ambiente é unha responsabilidade compartida e que todas as persoas temos moito que achegar. Por iso, un dos aspectos máis importantes de TRAP é a participación das persoas con discapacidade intelectual como activistas ambientais. Ademais de colaborar nas actividades de conservación e seguimento das solucións do proxecto, os nosos activistas participan en accións de sensibilización para achegar o respecto pola natureza á cidadanía e, especialmente, ás novas xeracións.

Xornadas como esta demostran que a inclusión tamén se constrúe compartindo coñecementos, traballando en equipo e participando activamente na mellora da nosa contorna. Seguimos traballando para que os nosos ríos estean máis limpos e para que todas as persoas teñan a oportunidade de formar parte deste compromiso colectivo.

 

O proxecto TRAP está cofinanciado polo programa Interreg Atlantic Area da Unión Europea.

 

 

Para máis información:

981 865 716

658 753 047

hola@amicos.org