Pechamos Pola Costa #OTeuXacobeo cunha xornada de convivencia e coidado do Camiño de Santiago

• Arredor de 50 persoas participaron nunha actividade de plogging no Camiño de Santiago A Orixe, combinando o paseo coa recollida de residuos.

• Nenos e nenas do CEEPR AMICOS e do Colexio Bayón compartiron esta experiencia cos nosos activistas ambientais nunha xornada que tamén tivo espazo para a cultura e as tradicións galegas.

 

 

O pasado 22 de outubro vivimos unha xornada moi especial en Aguiño. Reunímonos arredor de 50 persoas, entre nenos e nenas do CEEPR AMICOS, do Colexio Bayón e os nosos activistas ambientais, para percorrer un treito do Camiño de Santiago A Orixe e contribuír ao coidado da súa contorna. A actividade comezou no porto de Aguiño, desde onde iniciamos unha camiñada na que combinamos o paseo coa recollida de residuos, unha proposta de plogging que nos permitiu gozar da natureza, coidar o medio ambiente e, sobre todo, compartir tempo e experiencias entre persoas con e sen discapacidade intelectual.

Tamén nos acompañou Alex Vidal, concelleiro de Deportes de Ribeira, que quixo sumarse a esta iniciativa e compartir con nós o percorrido.

Pero a xornada non estivo dedicada só á natureza. A cultura galega tamén tivo o seu protagonismo grazas aos nenos e nenas do CEEPR AMICOS, que representaron unha pequena obra de teatro inspirada na lenda da Santa de Moldes. Unha maneira de achegarnos á historia e ás tradicións da nosa terra desde a creatividade e a participación.

 

 

Esta xornada serviu tamén para poñer o broche final ao proxecto Pola Costa #OTeuXacobeo, unha iniciativa que puxemos en marcha en AMICOS co apoio da Xunta de Galicia, no marco do programa #OTeuXacobeo e con motivo do #Xacobeo2027.

Ao longo do proxecto desenvolvemos diferentes actividades para achegar o Camiño de Santiago A Orixe á cidadanía desde unha perspectiva inclusiva. Organizamos obradoiros de fotografía e teatro, saídas e propostas prácticas nas que o patrimonio natural e cultural de Galicia se converteu nun espazo para aprender, expresarnos e compartir. Con cada unha destas experiencias buscamos que todas as persoas poidan descubrir, coñecer e desfrutar da nosa contorna, pero tamén que teñan a oportunidade de participar activamente no seu coidado.

Pechamos esta aventura cunha idea que queremos seguir levando con nós: o patrimonio é de todas as persoas e todas debemos ter a oportunidade de vivilo, compartilo e contribuír a protexelo.

Grazas a todas as persoas que nos acompañaron neste camiño!

 

 

Para máis información:

981 865 716

658 753 047

hola@amicos.org