En AMICOS enchémonos de personaxes de cine para celebrar o Samaín máis arrepiante
En AMICOS vivimos un Samaín de película! O pasado 28 de outubro, máis de 150 persoas reunímonos no Centro de Atención Integral para gozar dunha das festas máis agardadas do ano, cunha temática moi especial: os personaxes do cine de terror.
Durante varias semanas, preparamos os disfraces con moita ilusión. Os corredores do centro enchéronse de personaxes emblemáticos do cine de terror e fantasía, como Eduardo Manostixeras, Beetlejuice, a Familia Addams, a Noiva Cadáver, o Boneco Diabólico e Freddy Krueger. Houbo sustos, música, bailes e, sobre todo, moitas ganas de compartir e pasalo ben.

En AMICOS gústanos que as persoas sexan protagonistas das actividades que organizamos. Por iso, a temática dos disfraces escolleuse en asemblea, dando a oportunidade de propoñer ideas, decidir e participar na preparación da festa.
Cada grupo traballou no seu propio disfrace, desde a elección dos materiais ata os últimos detalles da caracterización. Detrás de cada proposta houbo creatividade, esforzo e moito traballo en equipo, sempre co acompañamento dos técnicos e técnicas e dos auxiliares de desenvolvemento, que, con profesionalidade e agarimo, apoian e acompañan cada persoa nos seus logros e na realización das súas ideas.
«O Samaín é unha oportunidade para traballar a creatividade, a participación e o compañeirismo dun xeito diferente», explica Sonia Fuentes, psicóloga e coordinadora da área de Persoas de AMICOS. «Detrás de cada disfrace hai moito traballo en equipo e, sobre todo, ilusión por compartir o resultado coas demais persoas e coas familias. É un día moi especial, porque o centro énchese de caras novas e convértese nun espazo de encontro e celebración».
Un dos momentos máis esperados foi o concurso de disfraces. O xurado tivo unha tarefa complicada, porque cada grupo sorprendeu cunha proposta diferente e chea de detalles. Estes foron os disfraces premiados deste ano:
Mellor disfrace: Monstros, S.A.
Mellor caracterización: o Boneco Diabólico.
Mellor escenografía: a Familia Addams.
Premio aos máis simpáticos: Eduardo Manostixeras.
Premio aos máis terroríficos: Freddy Krueger.
Mellor maquillaxe: a Noiva Cadáver.
Mellor coreografía: Beetlejuice.
«Foi moi difícil escoller, porque detrás de cada proposta había moita creatividade e traballo», sinala Carla Arca, integrante do xurado.
Os nenos e nenas do Cole CEEPR de AMICOS non quixeron perder esta celebración e participaron con disfraces inspirados en Monstros, S.A. Os seus personaxes, tan tenros como monstruosos, puxeron unha nota de cor e diversión a unha xornada na que houbo sitio para todas as idades.

Aínda que o día da celebración é o momento máis agardado, o Samaín comeza moito antes nos obradoiros de AMICOS. A preparación dos disfraces, a decoración dos espazos e os traballos manuais forman parte dunha actividade na que cada persoa pode achegar as súas ideas e habilidades.
O Samaín é moito máis ca un día de disfraces, é unha escusa perfecta para asustar, rir cos compañeiros e compañeiras, compartir momentos coas familias e, por suposto, facer unhas fotos chulísimas para lembrar a festa.
Vémonos no próximo Samaín!
