Jealsa e Amicos renovamos unha alianza que leva máis dunha década creando oportunidades para a inclusión

  • Margarita Hermo, directora de Relacións Institucionais de Jealsa, e Xoán España, director xeral de Amicos, reuníronse no noso Centro de Atención Integral para renovar o convenio de colaboración.

  • Máis dunha década despois, seguimos traballando da man de Jealsa para impulsar a inclusión e crear novas oportunidades para todas as persoas.

 

 

En Amicos seguimos sumando alianzas cara a unha sociedade máis inclusiva. Este martes, 3 de novembro, renovamos o noso convenio de colaboración con Jealsa, unha alianza que nos acompaña desde hai máis dunha década e que continúa medrando a través de proxectos que poñen as persoas no centro.

O encontro, celebrado no noso Centro de Atención Integral, contou coa participación de Margarita Hermo, directora de Relacións Institucionais de Jealsa, e Xoán España, o noso director xeral.

Grazas a esta colaboración, seguimos impulsando a formación e a inclusión sociolaboral das persoas con discapacidade intelectual, así como os apoios ás persoas con maiores necesidades de apoio a través da nosa unidade de estimulación multisensorial. Tamén continuamos traballando pola inclusión na infancia, promovendo a integración escolar e iniciativas de sensibilización como Badaboom e Festiritititi.

Para nós, contar con Jealsa como aliada significa moito máis que renovar un convenio: é unha oportunidade para seguir construíndo oportunidades, derrubando barreiras e demostrando que todas as persoas temos un lugar na sociedade. Como destacou Xoán España, esta alianza é unha mostra de confianza nas capacidades das persoas e no seu papel activo na comunidade. Un compromiso compartido que, máis dunha década despois, continúa dando froitos.

Grazas a Jealsa por seguir camiñando ao noso lado e por achegar o seu gran de area á construción dunha sociedade máis diversa, xusta e inclusiva.

 

Para máis información:

981 865 716

658 753 047

hola@amicos.org