Un cento de comercios, administracións e establecementos de hostalería do Barbanza axudaron a derrubar as barreiras sociais en torno ao autismo. Fixérono a través da campaña lanzada pola Asociación Amicos, vestindo os seus escaparates de azul. Amicos entregou este mércores os galardóns aos escaparates máis destacados e fixo balance desta iniciativa.

Así, o gañador da edición deste ano foi Trastiños Puericultura, da vila de Ribeira, que fixo un gran esforzo decorando o seu escaparate con múltiples motivos, letras e produtos azuis, a cor que simboliza aos Trastornos do Espectro Autista (TEA). Dous membros de Amicos entregáronlle hoxe unha figura de olaría producida polos usuarios nos obradoiros á responsable deste establecemento.

Ademais, outros dous comercios -Mini Klass Moda Infantil de Boiro e Bambbú Shoes zapatería de Noia- recibiron diplomas de agradecemento por decoraren os seus escaparates de xeito especialmente destacado.

20.000 persoas viron os escaparates nas redes

A campaña tivo ademais unha gran difusión nas Redes Sociais, alcanzando a máis de 20.000 persoas a través do Facebook da Asociación. Amicos compartiu as máis de 75 fotos de escaparates recibidas nas redes Facebook, Twitter e Instagram; chegando cada imaxe a máis de 500 veciños e algunha a máis de 3.000.

Ademais, varias administracións sumáronse á iniciativa. Os concellos de Boiro e Rianxo e o Hospital do Barbanza iluminaron ou decoraron de azul algunha das súas instalacións.

Amicos quere dar as grazas a todos os participantes, que co seu interese fixeron un éxito desta campaña, lanzada por segundo ano consecutivo para derrubar os muros de silencio que penden sobre trastornos como o TEA co gallo do seu Día Internacional, celebrado o 2 de abril.

Agradecemento especial para todas as asociacións locais de comerciantes que axudaron a divulgar a campaña : Centro Comercial Aberto da Pobra do Caramiñal, Noia Histórica, Asociación Boirense de Empresarios, Asociación de Empresarios, Comerciantes e Traballadores Autónomos de A Pobra, Asociación de Empresarios de Ribeira e Asociación de Empresarios de Padrón, Rois e Dodro.