• A mostra percorreu a comarca do Barbanza durante máis dun mes para achegarlle información á veciñanza sobre o TEA
  • Ao evento deste luns en Lousame acudiron o director xeral de Familia e Infancia da Xunta de Galicia, así como a alcaldesa do municipio acompañada pola concelleira de Servizos Sociais e o primeiro tenente de alcalde

 

Tras máis dun mes de travesía pola comarca do Barbanza, a nosa mostra informativa impulsada con motivo do mes de concienciación sobre o trastorno de espectro autista chegou este luns a Lousame, o último punto do seu percorrido. Alí déronlle a benvida o director xeral de Familia e Infancia, Jacobo Rey, a alcaldesa do municipio, Teresa Villaverde, a concelleira de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo, e o primeiro tenente de alcalde, Ramón Martínez. Tamén asistiron os alumnos e alumnas do CPI Cernadas de Castro.

Así, a Praza do Concello de Lousame acolleu a mañá deste luns, 6 de maio, un acto que arrincou cunhas palabras da vicepresidenta de Amicos. Nelas Digna Iglesias quixo salientar “o papel do equipo e dos amicos e amicas, tanto do Centro de Educación Especial como do Centro de Atención Integral por facer posible este tour co que achegar o autismo aos veciños e veciñas”. Tamén tivo palabras de agradecemento para os Concellos e aos colexios da comarca “por participar nesta iniciativa de sensibilización que axuda a coñecer e normalizar o TEA”.

 

 

 

 

De seguido, a rexedora do municipio lousamán, Teresa Villaverde, puxo en valor esta iniciativa de Amicos así como “o seu traballo de apoiar ás persoas que teñen trastorno do espectro autista, entre outros”. Tamén se referiu á importancia dunha sociedade inclusiva e igualitaria na que se “acepte a cada persoa respectando as súas particularidades”. Para iso, a alcaldesa destacou o papel dos mestres e mestras, profesión desempeñou moitos anos.

A continuación interviron os nenos e nenas de CEEPR, que leron un manifesto no que quixeron poñer o aceno na importancia de aceptar as nosas diferencias e na necesidade dunha educación na que o alumnado reciba unha atención de calidade o máis personalizada posible. Mariana, Eric, Fran e Aroa foron os encargados de poñerlle voz ás reivindicacións dos seus compañeiros e compañeiras dun apoio adaptado ás necesidades do alumnado.

Jacobo Rey  foi o encargado de pechar esta primeira parte do acto, destacando que “dende a Consellería de Política Social e Igualdade estamos encantados de participar nesta iniciativa nun concello ao que lle temos tanto cariño como é Lousame”. O director xeral de Familia e Infancia da Xunta falou da importancia da mostra para “seguir fomentando a concienciación e o coñecemento sobre o autismo, un trastorno que afecta a aproximadamente o 1% da poboación, aspecto no que se ten avanzado moito nos últimos anos”.

 

 

 

 

Asemade, declarou que “favorecer a inclusión de todas as persoas é un deber da sociedade. Nese sentido, que participemos unidos entidades como Amicos, Concellos como o de Lousame e o resto de municipios do Barbanza, e por suposto as institucións como a Xunta, fai que sexa máis sinxelo favorecer esa concienciación”. Ademais, se ven destacou que “non é unha cuestión de idade”, si incidiu na importancia de traballar dende a infancia porque “dende pequenos pódese favorecer e axudar a esa concienciación e a esa normalización”.

O director xeral finalizou “animando a Amicos e a todos e todas os aquí presentes a que se sigan poñendo en marcha iniciativas como esta que tanto axudan á normalización e á concienciación”

Unha vez realizada a presentación dos tres tótems informativos, os asistentes puideron desfrutar do xogo de vocabulario, no participaron tanto o alumnado  de 4º do CPI Cernadas de Castro como o do CEEPR de Oleiros. Os cativos e cativas do CEEPR de Amicos foron, unha vez máis, os encargados de conducir este Pasapalabra do TEA. Durante a dinámica, os e as participantes  demostraron un alto coñecemento en aspectos claves sobre o TEA.

A xornada rematou cos cativos e cativas do CPI Cernadas de Castro e os do CEEPR de Oleiros xogaron xuntos no parque, mostrando que o xogo é a mellor forma de inclusión.

 

 

Achegando o autismo para concienciar sobre #oAutismoPretodeTi

Con motivo do Día Mundial da Concienciación sobre o Autismo, celebrada o 2 de abril, Amicos impulsou este ano unha mostra itinerante que arrincou en Ribeira, e percorreu Porto do Son, A Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo, Noia e Lousame.

O obxectivo foi sensibilizar e informar á veciñanza do Barbanza sobre o autismo, para rachar con falsos mitos e normalizar a realidade de case 270.000 persoas en España. A través desta iniciativa buscouse concienciar sobre que o trastorno do espectro autista está preto de nós.

 

 

 

NOVAS EN MEDIOS

O BARBANZA

CANAL BARBANZA

CANAL RÍAS BAIXAS

LA VOZ DE GALICIA

XUNTA DE GALICIA

INFONEGOCIOS GALICIA

 

Para máis información:

981 865 716

658 753 047

hola@amicos.org