LIMPEZA DE RESIDUOS

Hoxe, 14 de abril de 2021,  membros da Asociación Amicos levaron a cabo unha limpeza de residuos mariños na Praia Xardín de Boiro a través do proxecto RE-MAR. Os usuarios do centro contaron coa colaboración dos nenos e nenas do CEIP Santa Baia para peinar a praia.

Durante a recollida, levouse a cabo un acto de concienciación coa presenza de Gonzalo Trenor, Delegado Territorial da Xunta de Galicia na Coruña, José Ramón Romero, alcalde de Boiro, Manuel Cacheda, xestor técnico de RSC en Abanca, Gustavo Romero, director do CEIP Santa Baia, xunto aos membros de Amicos.

J. R. Romero, Gonzalo Trenor, Digna Iglesias e Luis Salgado

O EVENTO

“Queremos que todas as persoas se sumen ao barco da sostibilidade e se cree concienciación do feito de que debemos coidar o noso ecosistema mariño”, así explicaba Digna Iglesias, vicepresidenta da Asociación Amicos o obxectivo principal do proxecto RE-MAR.

Carolina Castro, usuaria do Centro Amicos e participante do proxecto explicou cales son as actividades que levan a cabo para contribuír a sensibilización medioambiental: “Facemos formacións en coles a través do Xogo Lixo Mariño, que é parecido a Oca; educamos en boas prácticas ás cofradías; facemos limpeza de praias, temos un App móbil propia e o distintivo Buque Azul para premiar aquelas embarcacións con boas prácticas na xestión dos seus residuos”, explicaba Carolina.

Carolina Castro

Dende o centro Amicos, Nuria Calo, coordinadora e xestora do proxecto RE-MAR, concluía que “a grandes rasgos dende RE-MAR o máis importante é dar visibilidade á labor das persoas con discapacidade intelectual e crear conciencia no coidado do medio ambiente e na prevención da xeración de residuos”.

Gonzalo Trenor, delegado territorial da Xunta de Galicia en Coruña destacou que era a primeira visita que realizaba a Boiro como representante: “É a miña primeira visita ao Concello de Boiro e compráceme que sexa participando neste proxecto de Amicos”. Tamén recalcou a exemplaridade de RE-MAR como plan de unión e colaboración: “A actividade de hoxe vai permitir afondar na conciencia, por iso animo a todos os veciños e veciñas para que apoien este proxecto”.

José Ramón Romero e Gonzalo Trenor

O delegado tamén recalcou a gran labor da Asociación Amicos na comarca do Barbanza: “Amicos é un referente en Galicia na inclusión, coidado medioambiental e voluntariado. Sodes líderes de proxectos de concienciación”. O delegado da Xunta, por último, agradeceu o apoio económico e de persoal que se presta desde o Parque Nacional das Illas Atlánticas para que se poida levar a cabo esta iniciativa.

José Ramón Romero, alcalde de Boiro, concluiu o acto indicando que “estas iniciativas son moi necesarias, e máis neste Concello que vivimos do mar”, indicaba o alcalde, que espera que se sume toda a cidadanía a esta iniciativa.

Luis e José Ramón nas labores de limpeza

MÁIS SOBRE O PROXECTO RE-MAR

RE-MAR é sobre todo un proxecto colaborativo que emprega a ciencia cidadá para reforzar a colaboración entre os sectores pesqueiros e máis estreitamente ligados ao mar, a poboación local e os visitantes das illas atlánticas de Galicia e a súa área de influencia, todo elo liderado por persoas con discapacidade intelectual na busca dun modelo de desenvolvemento endóxeno inclusivo baseado na conservación do entorno litoral e mariño. Para acadar este obxectivo, dentro do proxecto trabállanse 5 liñas fundamentais:

Logotipo de Re-Mar

  • Formación en guías ambientais, dirixida a persoas con discapacidade intelectual para que adquiran as capacidades e coñecementos necesarios para liderar as actividades do proxecto. Tamén formación en protocolos de prevención de xeración de residuos e en “Green Ships” dirixida a traballadores dos sectores marisqueiro e pesqueiro para contribuír a reducir os residuos resultantes da súa actividade.
  • Limpezas de praias: os guías ambientais apoiados por técnicos de AMICOS, sempre tratando de implicar aos escolares e empresas do sector pesqueiro da zona (no caso da limpeza do mércores 14 tamén implicando a autoridades autonómicas e locais), organizarán diferentes limpezas en praias da nosa contorna para dar visibilidade á problemática dos lixos mariños.
  • App RE-MAR: Creouse unha app dentro do proxecto, dispoñible para IOS e Android, que vos invito a descargar nestes enlaces:
    Nesta app podemos xeolocalizar residuos, avistamentos de aves ou retos ambientais, como o deste mércores, que xa está dispoñible para a súa consulta e inscrición.
  • Selo Buque Azul: No marco do proxecto creouse o selo de garantía Buque Azul, a través do cal, nun proceso participativo coas Confrarías de Pescadores de Cabo de Cruz, Aguiño, Rianxo e A Illa de Arousa, se definiron as boas prácticas en materia de xestión de residuos a bordo das pequenas embarcacións que se deberán cumprir para obter o selo Buque Azul nun proceso de auditoría. Este selo difundirase en mercados de abastos e superficies comerciais para intentar iniciar a implantación do selo na cadea de subministro. Por se fose do seu interese, estas accións de difusión están previstas para o día 17 de abril en Boiro, o día 24 de abril en A Illa de Arousa, o día 30 de abril en Ribeira e o día 5 de maio en Rianxo.
  • Campus virtual RE-MAR: Cando comezou o proxecto está actividade estábase a realizar como divulgación e sensibilización. A actividade estrela era levar o “Xogo do lixo mariño” a nosa versión para RE-MAR do xogo da oca aos colexios. Nestas xornadas usábase unha lona xigante co taboleiro do xogo e os nosos guías ambientais eran os que explicaban as instrucións do xogo e lideraban a xornada. Era unha actividade inclusiva moi enriquecedora tanto para as persoas con discapacidade como para os escolares. A raíz da situación derivada do COVID-19, esta actividade tivo que modificarse e converteuse nun Campus virtual para escolares con material educativo, tutoriais para realizar pequenas obras de artesanía ou xoguetes cos materiais atopados nas limpezas de praias e tamén co xogo do lixo mariño en versión dixital para xogar desde a casa.

Financiación do proxecto

Este proxecto está impulsado pola Asociación Amicos, xunto co Parque Nacional Marítimo-Terrestre dás Illas Atlánticas de Galicia en condición de socio, desenvólvese coa colaboración da Fundación Biodiversidade, do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través do Programa pleamar, cofinanciado polo FEMP. Comezou a finais de 2019 e estamos retomando a súa actividade despois da crise sanitaria vivida polo COVID-19.