Dende o 4 de xullo estamos a participar na terceira edición do campo de voluntariado ambiental inclusivo da Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia. Hoxe organizamos un encontro na praia da Corna, en Ribeira, para dar a coñecer as actividades medioambientais que tiveron lugar durante estes días e que se seguirán a desenvolver ata o mércores, 15 de xullo.

Os 14 voluntarios, de idades comprendidas entre os 18 e 30 anos, viñeron de diferentes puntos de España como Madrid, Málaga, Zaragoza, Allariz, Nigrán e da comarca do Barbanza: Boiro, Pobra, Ribeira, Palmeira e Noia. Como destacou Xoan España, director xeral da Asociación: “Fan un traballo espectacular na realización de actividades de alto valor añadido”. Engadiu que é unha acción inclusiva “para convivir e desfrutar”.

Unha das voluntarias é a nosa compañeira Adriana Miguéns, residente no Fogar Amicos, que se mostrou moi contenta de participar no campo de traballo e explicou as actividades que están a facer. Algunhas delas son: eliminación de especies invasoras no Parque Natural de Corrubedo, eliminación de residuos mariños en Sálvora e a instalación do hotel de insectos nas Illas Cíes.

Entre os asistentes estivo Cristina Pichel Toimil, directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado que alabou as tarefas dos voluntarios que “levan dende o día 4 facendo un traballo intenso de conservación do medio ambiente e posta en valor dos recursos patrimoniais naturais que temos na nosa comunidade”. Rematou o acto recordando o lema da Xunta de Galicia de este verán, ‘O verán que queres contar’, e desexando aos voluntarios “que queirades contar o que vivistes aquí estos días”.

Tamén presente no acto estivo Belén María do Campo Piñeiro, directora xeral de Patrimonio Natural que quixo agradecer aos participantes no campo de voluntariado dende o punto de vista do medio ambiente todas as accións que “levan facendo estas semanas”

Genoveva Hermo Santos, Concelleira de Medio Ambiente de Pobra do Caramiñal, animou a que este tipo de iniciativa “se siga facendo porque é unha actividade moi positiva para a sociedade e o medio ambiente” e María José Sampedro Fernández, Tenente alcalde de Ribeira desexou aos presentes que “disfrutedes de este campo, que aprendades moito e que transmitamos ao resto da sociedade esa conciencia de coidar o medio ambiente”.

A xornada rematou coa participación de todos e todas os presentes nunha acción de sensibilización ambiental a través do xogo de RE-MAR. Asímesmo, os asistentes poideron coñecer o tipo de residuos mariños que se soen encontrar nas limpezas de praia de primeira man, pois os voluntarios comezaron o día de hoxe facendo unha recollida de lixo na propia praia da Corna.