O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña coñeceu esta mañá de primeira man as actividades de formación que organiza a Asociación Amicos. Ovidio Rodeiro , acompañado do alcalde de Ribeira Manuel Ruíz Rivas e da concelleira de servizos sociais María Esther Patiño Rey, percorreu as instalacións do Centro de Educación de Amicos en Comoxo, Ribeira.

Na súa intervención ante os medios de comunicación, tanto Ovidio Rodeiro como Manuel Ruíz Rivas aplaudiron os esforzos de Amicos no eido da foramción. Amicos pola súa banda pon o énfase proxectos de transición a vida adulta para os mozos que cursan estudos no CEEPR.

Trátase de que os rapaces que completan a súa formación obrigatoria teñan acceso a cursos que lles permitan no futuro superar as barreiras de empregabilidade que sofren por seren mozos con discapacidade intelectual. Así, Amicos ten en marcha para eles cursos de formación en materias laborais como xardinería, viveirismo e artes gráficas.

Ademais, dende Amicos faise un recoñecemento ás administracións que están a apoiar a labor de formación e asemade, lémbraselle a obriga legal que teñen as administracións de fornecer oportunidades laborais a persoas con discapacidade, pois un 2% dos contratos deben estar reservados de acordo á Lei a empresas de inserción laboral, como Servizos EIL, a empresa de inserción laboral de Amicos.

Durante a visita desta mañá, as autoridades tamén coñeceron as instalacións de CEEPR, onde rapaces de entre 3 e 21 anos cursan formación regrada, sacando proveito dun ensino especialmente deseñado para as súas necesidades. O Centro de Educación Especial de Amicos botou a andar en 2008 e na actualidade cursan estudios nel uns 30 rapaces e rapazas. O CEEPR conta con cinco unidades especializadas funcionando, tres aulas especializada en autismo e outras dúas pensada para mozos con pluridiscapacidades.

Todas elas cun proxecto educativo personalizado enfocado na participación e na estimulación das propias capacidades. O obxectivo é que os nenos aprendan a desenvolverse por si mesmos e que deste xeito poidan integrarse nos seus contornos sociais en pé de igualdade cos demáis rapaces …