A mañá do pasado sábado, un grupo de voluntarios e voluntarias de KPMG Galicia traballaron, xunto coa nosa Ecobrigada, na reforestación dunha hectárea de monte degradado no Concello de Rois.

Esta xornada forma parte dun Proxecto de Repoboación da masa forestal da Ecobrigada de Amicos. O obxectivo da actividade consistía na plantación dun millar de piñeiros para coidar o patrimonio natural galego. Para iso, os participantes dedicaron a mañá do sábado a preparar o terreo  do monte Bralo e plantar árbores.

Unha nova colaboración da asociación Amicos coa Fundación KPMG, como parte dunha ambición conxunta que fomenta o coidado da natureza. Traballar por un futuro sostible resulta clave para ambas organizacións.

O responsable da Área de Alianzas e Emprego, Miguel Beiro, quixo agradecer a implicación dos alí presentes e transmitir como “A actividade de hoxe para nós supón un pilar fundamental para seguir creando futuros inclusivos e verdes.”

Por outra banda, o socio responsable de KPMG en Galicia, Daniel Fraga Romero, tamén participou na acción. Asemade, dedicou unhas palabras de ánimo ao equipo de voluntarios e voluntarias: “Para a nosa empresa, participar hoxe con Amicos é un privilexio, esta acción de reforestación encaixa perfectamente dentro dos nosos valores”. Ademais, quixo recalcar o compoñente de diversidade e inclusión da propia xornada.

As nosas Ecobrigadas continuarán co proxecto de repoboación forestal ata o próximo mes de abril. Grazas ao apoio da Xunta de Galicia, case 12 hectáreas de monte degradado do municipio de Rois serán reforestadas. Actividades así fomentan a mellora do noso rural e recoñecen o seu valor.

 

Enlace a medios:

👉 O BARBANZA

👉 QUINCEMIL