• A directora de Fundación Empresa & Clima visitounos este mércores, 6 de marzo, no noso centro de Comoxo
  • A entidade catalana, da que somos membros, é unha organización sen ánimo de lucro que traballa polo liderado e o compromiso empresarial na loita contra o cambio climático

 

Amicos naceu co obxectivo de ser un apoio integral e de alta calidade para persoas con discapacidade e/ou dano social. Pero nestes máis de vinte anos de historia, e co crecemento da entidade, a nosa actividade e os nosos proxectos foron personalizándose cara aos valores cos que nos identificados. Un dos principais é unha forte conciencia medioambiental.

Isto foi o que nos levou a unirnos á Fundación Empresa & Clima, cuxa directora visitou este mércores, 6 de marzo, a sede da Asociación Amicos para coñecer in situ o noso traballo. Esta entidade catalana é unha organización sen ánimo de lucro que traballa polo liderado e o compromiso empresarial na loita contra o cambio climático.

Así, durante o percorrido polo noso centro de Comoxo, Elvira Carles coñeceu da man de Pilar Sampedro, responsable de centros, e o amico e residente Manuel Prado o funcionamento do centro e da entidade. Na visita tamén contou coa compañía de Xoan España, director xeral da asociación, e Esther Vidal, presidenta da Xunta directiva da entidade.

Asemade, puido ver en primeira persoa como se desenvolve o día a día dos/as amicos/as e o equipo do centro de Comoxo. Tamén coñeceu algúns dos proxectos que estamos a levar a cabo, tanto no eido da formación como as iniciativas encadradas en sensibilización ambiental e investigación.

 

 

 

Durante unhas horas, os representantes de ambas entidades compartiron experiencias e solucións innovadoras para enfrontar os desafíos ambientais, demostrando como a inclusión e a diversidade poden enriquecer a loita contra o cambio climático. Desde programas de sensibilización ata proxectos de conservación liderados por persoas con discapacidade, destacouse o papel crucial que estas comunidades poden xogar na protección do planeta.

Outro dos obxectivos deste encontro foi o de explorar alianzas ao abeiro da Fundación, así como discutir a posibilidade de establecer sinerxías cos demais membros da mesma. Relación a través das que continuar a contribuír ao mantemento e rexeneración dos ecosistemas, dirección na que en Amicos traballamos dende distintos proxectos.

Así, este non só foi un encontro entre dúas organizacións, senón que supón un paso adiante na construcción dun mundo onde a inclusión e a sostibilidade son prioridades fundamentais. a medida que continuamos a enfrontar desafíos cada vez máis complexos, estas colaboracións tentan afianzar un cambio real e duradeiro.

A directora de Empresa & Clima mostrouse encantada coa visita. Neste senso declarou que “tiña moitas ganas de vir, pero non me imaxinaba o impresionantes que sodes. Sodes grandes, pero non no sentido de tamaño ou do número de persoas que están aquí, senón grandes polo que estades facendo. Este é un proxecto impresionante, e é moi bo coñecelo para despois poder explicalo. Anímovos a seguir adiante”.

Ante a pregunta de que fora o que máis lle gustara da visita, non dudou en afirmar que “impresionoume, aínda que quizais non sexa o máis importante, o bonita e grande que é a residencia. Impresionoume porque non é o máis común, aquí as persoas están moi ben tratadas e teñen moito espazo”.

 

 

 

Para máis información:

981 865 716 – M. 658 753 047
hola@amicos.org