- A directora de Marketing e RSC de Gadis e a vicepresidenta de Amicos renovan unha alianza que cumpre catro anos
- Este convenio reforza o compromiso de Gadis coas iniciativas Festiritititi 2024, Calendario Solidario de Amicos 2025 e o proxecto Bosque Gadis
A directora de Marketing e RSC de Gadis, Melisa Pagliaro, achegouse este venres, 22 de marzo, á sede da Asociación Amicos en Boiro para asinar un novo convenio de colaboración entrambas entidades. No centro recibiuna Digna Iglesias, vicepresidenta da asociación, que aproveitou a visita para ensinarlle as obras de ampliación da residencia e as novidades producidas nos últimos meses.
Á xuntanza tamén asistiron a coordinadora de RSC da empresa de distribución, Lucía Santos, o responsable da área de Alianzas con Persoas e Empresas de Amicos, Miguel Beiro, e o coordinador da mesma, Keltoi Cameán. Así ao longo da mañá tamén se discutiron as accións que se desenvolverán nos próximos meses ao abeiro desta colaboración.
Mediante esta sinatura, Gadis comprométese como socio principal do Calendario Solidario de Amicos 2025 e patrocinador do festival da inclusión Festiritititi 2024. Outro dos principais piares deste compromiso é a plantación do futuro Bosque Gadis.
Este consistirá no cultivo de 300 castiñeiros, unha especie típica da nosa comunidade. Nesta labor ambiental intervirán persoas con discapacidade intelectual, o que suporá un impulso laboral moi importante dirixido a incrementar as súas posibilidades de inserción nun mercado laboral con futuro, en especial a nivel autonómico.
A alianza entre Gadis e Amicos cumpre así catro anos, durante os que ambas traballaron conxuntamente pola mellora das condicións de vida das persoas con discapacidade. Neste senso, Melisa Pagliaro destacou que “para Gadis é un pracer colaborar outro ano máis coa Asociación Amicos, coa que mantemos unha relación moi estreita. Esperamos que esta colaboración se manteña por un longo tempo”.
Digna Iglesias, pola súa banda, quixo agradecer “o apoio que Gadis presta á nosa entidade, unha colaboración que se asenta en catro anos de compromiso constante”. A vicepresidenta da asociación tamén quixo recalcar que “este acordo con Gadis fortalece a nosa misión de mellorar as posibilidades de inserción das persoas con discapacidade intelectual no mercado laboral, así como accións que repercuten directamente no traballo pola mellora das súas condicións de vida, como son o Festiritititi ou o Calendario Solidario”.
NOVAS EN MEDIOS
Para más información:
981 865 716
658 753 047