- Durante o percorrido conducido pola nosa activista medioambiental Adriana Miguéns, Abeijón puido ver a ampliación do Fogar Amicos, así como coñecer as melloras realizadas nos obradoiros e os últimos proxectos medioambientais.
- Begoña Abeijón: “Amicos é unha entidade da que nos sentimos moi orgullosos, unha organización de referencia, non só a nivel comarcal senón tamén a nivel autonómico”.
Esta semana Begoña Abeijón, directora xeral de Persoas con Discapacidade da Xunta de Galicia, achegouse a Boiro para visitarnos. O percorrido, conducido pola nosa activista medioambiental Adriana Miguéns, Abeijón puido ver a ampliación do Fogar Amicos, así como coñecer as melloras realizadas nos obradoiros e os últimos proxectos medioambientais.
Durante a visita estivo acompañada pola nosa presidenta, Esther Vidal, a vicepresidenta, Digna Iglesias, o director xeral, Xoán España, a responsable da área de Persoas, e varios membros da Xunta directiva e do equipo de Amicos.
Antes de dar comezo ao percorrido, Xoán España quixo destacar “a actitude e o compromiso da Consellería de Política Social cas entidades e as persoas con discapacidade e, nomeadamente, a da Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade. E agradecerlles sobre todo por estar á disposición cando sucede algo, como foi fai uns días o apagamento eléctrico, cando non dubidaron en poñerse en contacto por se necesitabamos algo. Isto é un claro exemplo de implicación e compromiso para con tódalas entidades que traballan con persoas con discapacidade e que se estende ás especializadas no coidado de maiores. E isto é moi salientable porque tamén ocorreu na etapa do Covid, ou sempre que se produce unha incidencia, momentos nos que sempre se mostran dispostos a traballar man a man con nós”.
“Grazas a eles, Amicos préstalle servizo no Centro de Atención Integral a máis de 100 persoas con discapacidade ao día, e temos máis de 80 profesionais traballando para todos e todas elas, e isto é clave porque é a longo prazo. E ademais fixérono de forma innovadora, co que agora se chama compra responsable, que son os concertos sociais, e anticipando o 100% de tódalas subvencións, o que nos permite funcionar con plena normalidade e poder chegar a moitas máis persoas. Ademais, non só o fan no presente e non só o fan de palabra, senón que o fan de feitos e co compromiso de futuro de crear novos centros, ampliar os existentes e mellorar a rede de servizo de transporte adaptado para poder darlle apoio a máis persoas. No noso caso foi ampliando o noso centro residencial e apostando por iso, ampliando e apostando polo centro de día, e sobre todo na adquisición de dous novo vehículos. E isto é moi importante porque isto tamén di moito do que queren construír de futuro”.
“Este apoio – continuou Abeijón – tamén nos permite desenvolver proxectos piloto e concienciar á xente máis nova sobre todo o mundo da discapacidade e a importancia da integración. Sobre todo abrir mentes e transformar socialmente, como pode ser con programas como apoiando ao Festiritititi, programas de tecnoloxía innovadora e de novas boas prácticas”.
Pola súa banda, a presidenta da entidade agradeceu “a todas as persoas implicadas no proxecto de Amicos, e temos que darlle as grazas á Xunta de Galicia por ser un destes actores. Dende aquí sempre quixemos ofrecer a sensibilidade e o apoio ás persoas con discapacidade como valores principais, e aínda que nas negociacións sempre hai desacordos, estes son bos para entendernos uns a outros e mellorar xuntos. E é importante trasladar os apoios cos que contamos dende os organismos públicos para seguir construíndo futuro, e para que as persoas con discapacidade e as súas familias poidan contar con recursos que lles permitan vivir con calidade de vida e a tranquilidade duns apoios de calidade”.
A directora xeral de Persoas con Discapacidade afirmou que “para a Xunta de Galicia sempre é un pracer vir a Amicos, ver a emoción e a ilusión na cara dos e das usuarias, pero tamén a profesionalidade dos seus traballadores. Amicos é unha entidade da que nos sentimos moi orgullosos, unha organización de referencia, non só a nivel comarcal senón tamén a nivel autonómico”.
Abeijón continuou destacando que “a través destes premios, vemos que tamén o ve así o Ministerio de Dereitos Sociais e a Comisión Europea, cuns recoñecementos que son unha mostra do que é Amicos e do que aporta á sociedade. Amicos non só é un referente a nivel de coidados, tamén é moi importante á nivel da integración das persoas con discapacidade no seu entorno e na súa comunidade. Penso que ninguén pode concibir o Barbanza sen esta entidade, sen os seus integrantes, sen a labor que fan no ámbito medioambiental e comunitario”.
Despois, o grupo visitou as obras de ampliación do Fogar Amicos, un paso co que se pretende adoptar un novo modelo de residencia, que continúe o camiño de fogar e mellorar o servizo, con trinta novas prazas. A maiores, visitáronse as melloras realizadas na Fábrica Social, así como os obradoiros de libre elección e os novos proxectos de coidado e restauración de biodiversidade impulsados polos activistas medioambientais de Amicos.
Para máis información:
T. 981 865 716
M. 658 753 047
hola@amicos.org