• A iniciativa busca mellorar a empregabilidade da mocidade con discapacidade e/ou en risco de exclusión social a través da adquisición de habilidades persoais e profesionais
  • All4Jobs é un proxecto de cooperación internacional financiado polo programa Erasmus+ da Unión Europea
  • O consorcio de All4Jobs está coordinado por Shannara Cooperativa Sociale (Italia), e formado tamén por Amicos (España), Christos Stelios Ioannou Foundation (Chipre), CEFEC (Bélxica), Digi-Hub (Grecia) e GAL (Romanía)

 

Os días 18 e 19 de xuño acollimos na nosa sede de Boiro o primeiro encontro presencial de All4Jobs, un proxecto europeo financiado polo programa Erasmus+ que ten como obxectivo mellorar a empregabilidade da mocidade con discapacidade e/ou en risco de exclusión social.

Durante dúas intensas xornadas de traballo, recibimos aos representantes das entidades socias de Italia, Chipre, Bélxica, Grecia e Romanía, coas que formamos parte deste consorcio internacional. A reunión serviunos para facer seguimento das accións desenvolvidas ata o momento e para planificar os próximos pasos dun proxecto que se estenderá ata febreiro de 2027.

Aproveitamos tamén esta ocasión para mostrarlles aos nosos socios europeos o traballo que realizamos no ámbito da inclusión sociolaboral. Guiámolos nunha visita polas nosas instalacións e compartimos con eles a metodoloxía e experiencias que desenvolvemos día a día coas persoas usuarias.

 

 

 

 

A nosa compañeira Sara Mohamed, técnica de proxectos europeos, explicou que “desde Shannara quixeron contar connosco porque traballamos directamente con persoas con discapacidade intelectual, ás que apoiamos tamén na súa inserción laboral, o que encaixa perfectamente cos obxectivos de All4Jobs”.

Durante o encontro, puxémonos ao día sobre os avances realizados ata agora: o mapeo de empresas inclusivas, a creación dun marco de competencias profesionais e a gravación de videopodcasts con profesionais, beneficiarios e familias. Ademais, comezamos a deseñar as próximas accións, como o encontro formativo que terá lugar en 2026 en Chipre.

De agora en diante, o noso traballo centrarase na creación de kits de ferramentas para orientadores laborais e no desenvolvemento de simulacións en realidade aumentada que preparen á mocidade para situacións reais nos procesos de busca de emprego.

Seguimos traballando en rede para construír un futuro máis inclusivo para a mocidade en toda Europa.

 

Para máis información:

981 865 716

658 753 047

hola@amicos.org