Como cada ano, a festa non se fixo esperar para celebrar o inicio do verán e , como non, de San Xoán. Carmen, Javi, Imanol, José Manuel ao igual que o resto de usuarios do Centro de Atención Integral Amicos animáronse a participar na xornada organizada para hoxe. Iniciamos o programa de actividades con xogos no exterior, para o que nos trasladamos a Praia Xardin, no Concello de Boiro. Xogo da araña, bomba, tira da corda, globos de auga… foron algúns dos xogos que se levaron a cabo para pasar unha mañá amena.
Despois repuxemos forzas cunha comida ao aire libre, cun menú típico destas datas: empanada, sadiñas, cachelos e pan de boroa. Rematamos a xornada prendendo a nosa fogueira, e celebrando todos xuntos esta tradición. Amicos programa regularmente celebracións deste tipo (Magosto, Samaín, Día das Letras, etc.).
O obxectivo é contribuír á inclusión das persoas con discapacidade facéndoas partícipes dos acontecementos sociais que marcan a cultura e a contorna humana na que viven. Así, ademais de xornadas festivas no Centro de Atención Integral de Boiro, Amicos organiza case todas as semanas actividades culturais, deportivas e medioambientais.