“Hai que premiar a quen o fai ben”, di a conselleira Ánxeles Vázquez durante a súa visita a Amicos ao fío do premio de Desenvolvemento Rural

A conselleira de Medio Rural realizou esta mañá unha visita institucional ao Centro de Atención Integral de Amicos en Boiro. Ángeles Vázquez descubriu unha placa que recoñece a Amicos como gañadora do primeiro Premio de Desenvolvemento Rural outorgado por AGADER.

As persoas con discapacidade intelectual que son membros de Amicos tiveron un especial protagonismo no evento. Así, a mandataria foi recibida por Carolina Castro, bedel que realizou as labores iniciais de presentación e protocolo. Tras descubrir a placa conmemorativa do Premio, a conselleira foi guiada polas instalacións por outros membros de Amicos: Carmen Piñeiro e Javier González no centro de día, Javier Freijo e Macarena Fernández no Centro Ocupacional e Juan Barbeiro no Centro Residencial.

A CONSELLEIRA: “AMICOS NON É UN GASTO, É UNHA INVERSIÓN”

Durante o seu discurso, a conselleira aplaudiu os logros conseguidos por Amicos, a quen cualificou de “referencia” para o mundo rural, pero tamén reivindicou a necesidade de seguir a avanzar. “Este proxecto non se pode quedar parado”, dixo antes de defender a necesidade de “premiar a quen o fai ben”.

En referencia as axudas outorgadas para o Centro de Atención Integral, Vázquez argumentou que “o de Amicos non é un gasto, é unha inversión, unha inversión de presente e de futuro” que “é a nosa obrigación”.

A mandataria aplaudiu a constancia de Amicos na súa concorrencia aos convocatorias públicos e lembrou que sempre superou con éxito as inspeccións propias dos que reciben fondos da Xunta e europeos.

De cara ao futuro, Vázquez indicou que “estou seguro que incrementaremos máis fondos para DELOA -o grupo de desenvolvemento rural no que colabora a Asociación- e iso sempre vai repercutir en Amicos”. A conselleira rematou a súa intervención dando a “noraboa” aos membros de Amicos por “estaren fantasticamente ben atendidas” polos técnicos e as súa familias.

A mandataria tamén lembrou que o Centro de Atención Integral foi construído sobre os terreos pola mancomunidade de montes de Comoxo, cuxos directivos tamén participaron no acto.

Outro cargo público que tomou a palabra foi o alcalde Boiro. Juan José Dieste argumentou que nestes anos Amicos logrou que Boiro constase cun “centro de referencia” na atención as persoas con discapacidade cun “magnifíco edificio” no que se atende aos que máis o necesitan con “excelencia”. O edil lembrou que o Concello apoia a Amicos con medidas como a redución do IBI.

Tras visualizar varios vídeos sobre o proceso de construción do Centro e o Premio AGADER, o director xeral de Amicos tomou a palabra para agradecer o apoio recibido da Consellería e outras administracións e institucións privadas durante estes anos de avances produto “dun traballo de equipo, de pais, de familias, do equipo técnicos, da directiva e dos nosos socios colaboradores”.

AMICOS AGRADECE OS APOIOS E SOLICITA RECURSOS PARA CREAR NOVOS SERVICIOS NA COMARCA

Xoán España reivindicou que o Centro é “un exemplo que a pesar da crise cando se suman esforzos de entidades privadas e públicas pódense facer proxectos que teñan impacto positivo na sociedade”. O director de AMICOS lembrou que a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural foi un “aliado moi importante” na época de inicio do proxecto, a da crise, moi difícil e na que se pecharon moitas portas a proxectos sociais. Por iso fixo un especial agradecemento a AGADER, que estivo representado no acto polo seu director xeral Miguel Angel Perez Dubois.

Pese a todos estes agradecementos, España tamén pediu que se sigan dotando partidas para mellorar a atención as persoas con discapacidade. En especial, o directivo de Amicos solicitou á Xunta que cambie as normas das convocatorias para que as entidades sen ánimo de lucro poidan acceder tamén as axudas dos plans de desenovemento rural (PDR). “Necesitamos que AGADER nos volva a botar unha man”, dixo antes de enumerar algúns dos aspectos que cómpre avanzar para mellorar a calidade de vida dos centos de persoas con discapacidade intelectual que atende Amicos.

Entre eses desafíos de futuro, Xoán España citou máis recursos para atender as persoas con autismo cando pasen a idade adulta, aumentar a capacidade do Centro Residencia para “seguir dando cobertura cando falten os pais” e axudar para continuar a formar laboralmente ás persoas con discapacidade e “seguir creando emprego vinculado ao mundo rural”.

Amicos atende na actualidade a unhas 250 persoas con discapacidade, a maioría de contornas rurais, áreas das que proveñen a maioría dos seus traballadores, 42 empregados, a maioría deles mulleres.

O Centro de Atención Integral, situado en Comoxo (Boiro), botou a andar en 2009 coa permuta de terreos por parte da comunidade de montes local. A fase de construción comezou en 2010 e foi incorporando servizos paulatinamente. Na actualidade alberga un Centro Residencial -aberto 24 horas os 365 día ao ano-, un Centro de día, un Centro Ocupacional e unha Unidade de Rehabilitación Avanzada; ademais de ofrecer outros servizos como orientacion – insercion e formación laboral, etc.

En novembro de 2017 AGADER concedeulle PRIMEIRO PREMIO DE DESENVOLVEMENTO RURAL DE GALICIA o proxecto do Centro AMICOS.