Amicos arranca por segundo ano consecutivo o Campamento Voluntariado Xuvenil Inclusivo. Neste proxecto participan 12 mozos de entre 18 e 30 anos que se atopan en risco de exclusión social e ou teñen unha discapacidade intelectual.
O campamento terá lugar no Camping Ría de Arousa en Cabío durante once días onde se pretende fomentar entre os participantes os valores de solidariedade e compromiso coa comunidade, especialmente coas peroas que se atopan nunha situación de especial vulnerabilidade ou desprotección. Todo elo, a través do desenvolvemento de actividades inclusivas de voluntariado xuvenil.
“Pretendemos xerar un grupo de traballo diverso no que os mozos aprendan o valor da diversidade e compartan unha mesma misión: conservar o patrimonio natural e cultural galego dende unha perspectiva solidaria e inclusiva” indicaba Digna Iglesias, vicepresidenta da Asociación Amicos.
“Vamos facer actividades para o coidado do medioambiente como limpeza de praias e a instalación de hotel de insectos; actividades máis propias de campamento como son os patios inclusivos con xogos, saídas; e un tramo do Camiño de Santiago para conmemorar o Xacobeo”, explicaba Jaime Vidal, un dos monitores e técnico de desenvolvemento de Amicos, que acompañará aos participantes durante estes días.
Obxectivos específicos do Campamento:
Os propósitos que Amicos prentede cumprir con este campamento son:
- Promover a tolerancia, o respeto e a amizade entre os mozos para contribuir á construcción de sociedades máis inclusivas.
- Desenvolver as habilidades interpersoais dos mozos con maior vulnerabilidade para que poidan conectarse socialmente con outras persoas.
- Aumentar o coñecemento sobre a xestión da diversidade social e cultural a través do intercambio de experiencias e vivencias entre os participantes.
- Contribuir á conservación do patrimonio natural e cultural galego a través da educación ambiental e o voluntariado.
Financiación e patrocinio
Este proxecto desenvólvese dentro das acción da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social.