A Ecobrigada de Amicos ven de rehabilitar o xardín botánico de Granbazán, despois de dous meses de labor. Para conmemorar este gran traballo feito por persoas con discapacidade rematouse o proxecto coa colocación dunha placa en madeira: “Este xardín botánico foi rehabilitado pola Ecobrigada de Amicos”, indica o cartel que foi colocado na mañá de hoxe no xardín.

O acto estivo presidido por Adolfo Picáns, director financieiro da Bodega; Carina Vázquez, responsable de Enoturismo e Rrpp da Bodega; xunto a Gonzalo Durán, alcalde de Vilanova e Javier Tourís, o tenente alcalde da corporación. Por parte de Amicos, estivo presente toda a Ecobrigada de actuación que fixo o traballo durante estes meses; Ana Isabel Melón, secretaria da Xunta directiva; Miguel Beiro, responsable da área de emprego; e Keltoi Cameán, técnico de emprego e empresas da Asociación.

“Quero dar as gracias en nome de todos os meus compañeiros a Granbazán por darnos este traballo. Gustoume moito facer este xardín botánico que ten moitas especies e foi moi especial”, así mostraba a súa ledicia Manuel García, técnico da Ecobrigada de actuación neste traballo.

“Agradecemos o apoio ás persoas con discapacidade por parte da Bodega Grabazán. A través deste espazo inclusivo consegueuse o desenvolvemento persoal e profesional destas persoas. Facemos un chamamento a todas as empresas para que coñezan a Ecobrigada de Amicos e ser cercioren de que a discapacidade pode ser un gran motor de cambio”, explicaba Ana Isabel Melón, secretaria da Xunta directiva da Asociación.

“Vimos unha oportunidade perfecta para rehabilitar este xardín a través dos servizos da Ecobrigada. Estamos moi contentos cos resultados. Déronnos un selo de calidade con esta recuperación, xa que puxemos en valor o traballo humano das persoas con discapacidade e o coidado da natureza”, expresaba Adolfo Picáns, director financieiro da Bodega.

“A labor de Amicos é meritoria, estamos encantados de colaboracións coma estas. Deste xeito, poñemos en valor as persoas con discapacidade e eles séntense que valen como o cremos todos nós”, concluiu o alcalde, Gonzalo Durán, con estas palabras.

O acto rematou coa proxección dun vídeo do labor que fixo a Ecobrigada nesta Bodega e unha visita ás instalacións.

O obxectivo deste traballo era por en valor este espazo para a realización de eventos ao aire libre e catas de enoturismo para coñecer os viños que produce a Bodega Granbazán, que se atopa no corazón das Rías Baixas. Dende a Bodega, viron unha oportunidade de empregar esta parte das instalacións para acoller visitas este verán.

A Ecobrigada é un equipo formado maioritariamente por persoas con discapacidade intelectual e autismo que se adica a prestar servicios de conservación de montes, parcelas rurais e xardíns. A través deste espazo inclusivo, conseguiuse o desenvolvemento persoal e profesional de persoas con discapacidade intelectual.

O equipo desta actuación estivo constituída por un capataz e tres peóns forestais con discapacidade en risco de exclusión social. Esta iniciativa pretende impactar positivamente  na conservación e protección de especies lonxevas que ten este xardín botánico.

👉Se precisas de servicios de xardinería, forestais, obras ou mantemento ponte en contacto con nós.

CONTÁCTANOS