• As cinco leccións do curso de MusicArTerapia do proxecto MUSE xa están dispoñibles en YouTube para seguir aprendendo ao teu ritmo.
  • MUSE é un proxecto financiado polo programa Erasmus+, na convocatoria de Asociacións a Pequena Escala (KA210) de 2024 no ámbito da Formación Profesional.

 

A comunicación non se queda só nas palabras. O corpo, o movemento, a voz, a música, os sons ou a expresión artística son tamén canles de comunicación, e é precisamente sobre estas outras formas de comunicación sobre o que trata o curso de MusicArTerapia na Globalidade das Linguaxes, unha metodoloxía sobre a que se asenta o proxecto europeo MUSE, MusicArtTerapia para fortalecer empregabilidade de músicos e coidadores.

O proxecto chega ao seu remate despois de dous anos de traballo, pero os seus resultados seguen vivos e ao alcance de todas as persoas interesadas. Entre eles, un curso de formación con 5 leccións e 40 horas de aprendizaxe, dirixido especialmente a profesionais da música, da educación e da atención sociosanitaria.

E temos unha boa noticia: parte destes contidos xa están dispoñibles en YouTube!

Nas cinco leccións podes descubrir como a comunicación comeza moito antes das palabras, coñecer os fundamentos científicos que sustentan esta metodoloxía, reflexionar sobre o papel da empatía na intervención, explorar o corpo como primeira linguaxe e descubrir o son e a música como pontes cara á comunicación.

Todo desde unha perspectiva global, creativa e centrada na persoa, especialmente útil para o acompañamento de persoas con dificultades de comunicación. Por iso, esta é unha oportunidade para seguir aprendendo, incorporar novas ferramentas á práctica profesional e, sobre todo, ampliar a nosa maneira de mirar e escoitar ás persoas.

MUSE deixou tamén outros resultados, como @s 64 profesionais formad@s, máis de 100 solicitudes para participar na formación en directo e máis de 1.200 visualizacións das leccións en YouTube, ademais de materiais didácticos, ferramentas de autoavaliación e novos recursos que poderán seguir empregándose no futuro.

O proxecto foi desenvolvido por Amicos, a Università Popolare de MusicArTerapia e Cooperativa umanista Mazra, unindo diferentes coñecementos e experiencias para impulsar unha formación innovadora e mellorar as oportunidades profesionais de músicos e coidadores.

MUSE é un proxecto financiado polo programa Erasmus+, na convocatoria de Asociacións a Pequena Escala (KA210) de 2024 no ámbito da Formación Profesional.

 

Para máis información:

981 865 716

658 753 047

hola@amicos.org