• A exposición poderá visitarse ata o domingo 5 de maio na Praza do Concello noiés
  • Coñecemos a modalidade de escolarización combinada a través da experiencia de Marco, alumno do CEIP Felipe de Castro e o CEEPR Amicos

 

A mostra informativa sobre o autismo de Amicos continúa a súa marcha pola contorna. E este luns, 29 de abril, fixo unha parada na Praza do Concello de Noia. Alí a veciñanza poderá desfrutar ata o domingo 5 de maio dos tres tótems que a compoñen. Para darlle a benvida, a praza acolleu a mañá deste luns un evento no que participaron o alcalde do concello, José Santiago Freire, e as concelleiras de Relacións Veciñais e Xuventude, Beatriz Rosende e Laura Salgado, así como alumnado do colexio CEIP Felipe de Castro. Marco, un dos alumnos deste centro, é o protagonista da nosa historia a través da que nos achegamos á modalidade de escolarización combinada.

O acto de benvida estivo marcado pola inclusión e a diversión. Comezou cunhas palabras de Digna Iglesias, vicepresidenta de Amicos, e a lectura do manifesto de voz dos peques de Oleiros.  Nel volveron reivindicar que, con ou sen autismo, todos somos iguais e á vez moi especiais. O encargado de pechar esta primeira parte foi o rexedor noiés.

Así, Freire quixo destacar a importancia da concienciación e a inclusión, así como “recoñecer o traballo de entidades como Amicos, a gran labor que fan para que persoas con TEA poidan sentirse integradas, seguir avanzando e amosarnos as súas diferentes capacidades”.

A continuación desenvolveuse o xogo de palabras do TEA, un xogo conducido por Erik, alumno do CEEPR de Amicos, e Javier, usuario do Centro de Día da asociación. A través del, os participantes puideron afondar en termos relacionados co autismo. Nel participou tanto a cativada do colexio de Educación Especial de Oleiros como do 5º curso do noiés CEIP Felipe de Castro.

 

 

autismo_noia_xogo
 
 

Autismo na infancia: a opción da escolaridade combinada

O TEA é unha realidade para un gran número de escolares, e a modalidade de escolarización combinada é o día a día de moitos nenos e nenas con necesidades especiais que ven nesta opción a mellor para avanzar na consecución dos seus obxectivos de desenvolvemento, poñendo especial atención aos ámbitos nos que requiren un esforzo máis concentrado.

Este é o caso de Marco, un neno noiés con TEA, no que o traballo conxunto no CEIP Felipe de Castro e no CEEPR Amicos posibilitou que, como nos conta o orientador do colexio de referencia, Manuel Pacheco, “o vexamos moi ben, máis contento. Vimos unha gran mellora en aspectos como a autonomía, os tempos de espera ou a súa integración na clase”.

A modalidade de escolaridade combinada dáse entre centros de educación especial e centros ordinarios, e consiste en compaxinar a asistencia a ambos centros. Está dirixida “a nenos que necesitan unha intervención moi específica, que ás veces non lle podemos facilitar en colexios ordinarios por horario, grupos de traballo… No caso de Marco, co que traballamos aspectos como a autonomía, os tempos de espera… consideramos que se pode avanzar mellor nun centro como o de Amicos”.

A petición desta modalidade parte do colexio de referencia. O proceso comeza cunha reunión entre o equipo directivo do centro, os profesores e o orientador. Nela valoran se unha combinada pode resultar beneficiosa para o/a menor, e no caso de que así sexa, chega o momento de reunirse coa familia e explicarlles en que consiste, e ofrecerlle que visiten varios centros da contorna para estudar cal é o que máis se adapta ás súas necesidades.

Manuel Pacheco cóntanos que “no caso de Marco foi moi ben. A familia xa estaba de acordo e xa o tiñan eles un pouco pensado”­­. Unha vez decidido o centro, o seguinte paso é a intervención do equipo de orientación específica da Xunta de Galicia, que é o encargado de xerar o ditame de escolarización. Este documento é o que recolle os días que o cativo/a acudirá a cada centro. “Hai moitísimos nenos en coles con necesidades educativas especiais que non necesitan combinada, é necesario estudiar cada caso”.

 

 

autismo_noia_marco
 
 

Un apoio persoal e individualizado

Así comeza o traballo coordinado entre os dous centros. Nuria Fernández, coordinadora do CEEPR Amicos cóntanos que o maior beneficio que lle aporta o seu paso polo seu centro “é a cantidade de horas nas que ten un apoio individualizado e exclusivo para el, algo que nos coles de referencia é imposible polo ratio de nenos; así como a variedade de profesionais que ten á súa disposición. No seu caso concreto, ten sesións coa pedagoga, psicóloga, logopeda e coa súa titora”.

Marco traballa coa súa titora Nerea Castro, a adquisición da lectoescritura, operacións matemáticas e tarefas que axuden a fortalecer a súa atención, concentración, memoria e a capacidade de razoar. Tamén reforzamos a súa expresión oral e comprensión, insistindo en que se comunique con frases completas á hora de expresar as súas necesidades e peticións”.

Mentres que, como nos conta Marta González, psicóloga do CEEPR “as sesións de psicoloxía céntranse en recoñecer as diferentes emocións, condutas adecuadas e inadecuadas, e reforzar o contido que traballa coa súa profesora”ademais da autonomía en situacións cotiás. Todo isto compleméntase cun traballo no colexio de referencia, onde non só se traballan habilidades comunicativas e curriculares, “Marco tamén conta con varias sesións semanais con Rocío, a súa APT e persoa de referencia no centro”.

Marta fai un balance moi positivo, posto que no tempo que Marco leva acudindo a ambos colexios, “mellorou en tódolos aspectos do seu desenvolvemento. Esta atención individualizada influíu en que mellorase a súa capacidade de atención e concentración, o que o permitiu avanzar na súa lectura, escritura e na realización de tarefas máis complexas. E a súa expresión, comprensión e interacción social segue mellorando de forma moi positiva”.

 

 

autismo_noia_xeral
 
 

A modalidade combinada: flexible e en continua revisión

Outro dos puntos fortes desta modalidade é que é flexible, vaise modificando segundo a evolución do cativo/a. Nuria Fernández, coordinadora do CEEPR de Amicos cóntanos que “hai casos nos que se modifica o número de días que veñen, vendo que estar en Pekes os beneficia decídese ampliar os días e, unha vez alcanzados os obxectivos propostos tanto dende o noso centro como dende o centro de referencia decídese volver a reducir”. “É vital o acordo da familia, eles son os que teñen a última palabra de se aceptan ou non”.

Sempre vai en función da evolución do neno, e a estadía en cada colexio adoita facerse en días consecutivos para “favorecer que os pequenos poidan estruturar o seu día a día, e lles sexa máis doado para eles a adaptación”. Se ben nun principio o de acudir a dous colexios pode parecer complicado, a coordinadora do CEEPR sinala que “agora para Marco xa é a súa rutina: dous días ven a Amicos e tres vai ao cole de referencia”. A complicación, como en todo, pode presentarse ao comezo, e para iso “a familia de Marco fíxoo moi ben, anotouno nas actividades de verán, o que é moi aconsellable cando se vai comezar nun novo centro para que se familiaricen co entorno, cos profes, compañeiros… Foi moi positivo porque foi unha boa maneira de anticiparlle que se iba encontrar o curso seguinte”.

 

 

autismo_noia_exposicion
 
 

Actividades estivais para anticipar o novo curso

Estas actividades estivais cobren varias facetas. “Por unha parte a conciliación da vida familiar e laboral, e por outra, as actividades de verán externas non sempre teñen a posibilidade de estar adaptadas e contar con profesionais especializados en grandes necesidades de apoio. Cuestións que as que se realizan en centros como o de Amicos están asegurados”. Ademais, “tamén contemplan horario de comedor e transporte; e a máis importante é que para os nenos e nenas que vaian empezar, é unha moi boa maneira de comezar a coñecer as rutinas do cole e irse acostumando a como vai ser o seu día a día no cole”.

Pero o gran segredo para o éxito é unha boa comunicación e coordinación entre centros. Ambos centros coinciden en que a comunicación é moi fluída, con distintas reunións ao longo do curso, e unha comunicación constante tanto a través de teléfono como mediante a familia. Así, unha comunicación fluída é vital para poder facer un seguimento do traballo, e para poder adaptar as accións ao avance do cativo para poder afianzar o conseguido e darlle máis soporte a aquelo que máis lle costa.

 
 

NOVAS EN MEDIOS

LA VOZ DE GALICIA

CANAL BARBANZA

O BARBANZA

Para máis información:

981 865 716

658 753 047

hola@amicos.org