Neste trimestre, o servizo de orientación de Amicos atendeu a 419 persoas e conseguiu que 74 encontrasen un traballo. Os orientadores e orientadoras da nosa asociación actúan en toda a comarca do Barbanza, do Deza, Pontevedra e Vigo ofrecendo o apoio necesario para que todos e todas poidan encontrar un posto de traballo adaptado as súas necesidades.

Así mesmo, realizáronse 17 accións de formación con cursos como ‘Auxiliar de Guía da Natureza’, ‘Atención Sociosanitaria’ e ‘Marketing online: deseño e promoción de sitios web’, entre moitos outros. Ata o momento, formáronse 148 alumnos e alumnas e impartíronse 1700 horas de formación. O equipo de formación de Amicos traballa cada día para facilitar o acceso á educación de todas as persoas.

Actualmente, estanse desenvolvendo varios programas de inserción laboral na asociación. Un deles é o Programa Integrado de Emprego que, tras realizar varias formacións, como por exemplo o curso de ‘Operacións básicas de caixa’ ou ‘Elaboración de pezas cárnicas’, o alumnado comezou onte as prácticas en empresas como Supermercados Gadis. O Programa Integrado de Emprego 2021 – 2022 está financiado pola Xunta de Galicia e o Servizo Público de Emprego Estatal. Grazas a este programa, os alumnos e alumnas melloran a súa cualificación profesional para insertarse no mercado laboral.

Outro dos programas de emprego que se están levando a cabo en Amicos é ‘Más Empleo‘, financiado pola Funcación La Caixa e o FSE. No que levamos de ano desenvolvéronse varias formacións como ‘Expendedor de combustible’ e ‘Operacións básicas de recepcionista – bedel’ e cinco persoas participantes no programa xa atoparon un posto de traballo.

Ademais, o departamento de empresas acaba de firmar un convenio coa empresa Viaqua, co obxectivo principal de mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade. Un dos puntos principais do acordo é traballar conxuntamente na inserción sociloaboral e na custodia medioambiental.

Pouco a pouco imos traballando para que cada persoa teña o apoio necesario para lograr a inclusión. Axúdasnos para alcanzar os nosos obxectivos?

COLABORA