• Un total de 15 alumnos e alumnas participan neste curso, que rematará a finais do mes de maio
  • Os participantes deberán completar un total de catro módulos e prácticas en empresas do sector para facerse cun certificado de profesionalidade nivel 2

Os primeiros días do ano 2024 trouxeron consigo o comezo dunha nova edición do curso Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, que se está a realizar na sede de Amicos en Boiro. A formación comezou este martes, 9 de xaneiro, e conta coa asistencia de 15 alumnos, que deberán completar un total de catro módulos e unhas prácticas en empresas relacionadas co sector para facerse co certificado que lles permitirá traballar en centros de día, centros para persoas dependentes, hospitais ou clínicas.

Tanto a modalidade online, que se iniciou no mes de novembro, como esta versión presencial do curso, que se desenvolverá no CAI de Comoxo ata finais de maio, están divididas en catro módulos que suman un total de 450 horas. Así, ao remate do curso, os participantes poderán dar apoio na organización das tarefas, traballo e actividades relacionadas coa atención sociosanitaria, realizar tarefas de atención hixiénico – alimentaria e sociosanitaria a usuarios, así como prestar apoio psicosocial e atención directa aos mesmos.

Coñecementos que tamén aplicarán durante as prácticas que realizarán en distintas empresas do sector, tralo que aqueles que superen todos os módulos e realicen con éxito as prácticas en empresas, acadarán un certificado de profesionalidade nivel 2.

 

 

Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería

Tamén no noso centro de atención integral en Boiro está a desenvolverse o certificado de profesionalidade de Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería. Os oito asistentes comezaron a formación en novembro, e neste momento xa se atopan cursando o segundo módulo da formación, referente a centros de xardinería. Está previsto que comecen as prácticas en empresas no mes de marzo.

Estas accións formativas están organizadas por Amicos coa colaboración da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia e o Ministerio de Educación e Formación Profesional.

Para máis información:

T. 981 865 716 – M. 658 753 047
hola@amicos.org