- Visitaron o centro Teresa Rodríguez de Tembleque, responsable de Acción Social e Formación e Investigación da Fundación Iberdrola, Guadalupe de Cuadra, responsable de Acción Social da mesma entidade, e Francisco Silva, delegado de Iberdrola en Galicia
- Durante o percorrido, os representantes de Iberdrola viron as novidades do centro e como se está a desenvolver o proxecto Semilleiro de Emprego Rural, co que colaboran
A Asociación Amicos recibiu a mañá deste mércores, 7 de febreiro, a visita de Teresa Rodríguez de Tembleque, responsable de Acción Social e Formación e Investigación da Fundación Iberdrola, Guadalupe de Cuadra, responsable de Acción Social da mesma entidade, e Francisco Silva, delegado de Iberdrola en Galicia. Durante o percorrido, puideron ver as novidades do centro e como se está a desenvolver o proxecto social Semilleiro de Emprego Rural, financiado pola fundación.
Se ben esta non é a primeira vez que Teresa Rodríguez asiste ás instalacións de Amicos en Comoxo, que coñeceu nunha visita con Fernando García, presidente da Fundación Iberdrola, realizada no 2022, si foi a primeira vez para Guadalupe de Cuadra e Francisco Silva.
Durante a xornada, Xoan España, director xeral de Amicos, Pilar Sampedro, responsable de Centros, e Miguel Beiro, responsable da área de Emprego e Empresas da entidade boirense, encargáronse de mostrarlles o funcionamento do Centro de Atención Integral e as melloras realizadas nos últimos dous anos, así como as obras de ampliación da sede de Boiro.
Outro dos puntos clave foi o programa Semilleiro de Emprego Rural, unha iniciativa de carácter social impulsada por Amicos co apoio e financiamento de Iberdrola. O programa está dirixido a mozos e mozas de entre 16 e 30 anos con discapacidade intelectual que residen no rural. A través deste, ofréceselles formación e apoio co obxectivo de que adquiran as habilidades transversais necesarias para a súa incorporación no mercado laboral, en especial no referente ao emprego verde e inclusivo.
Así, no ano 2023 puideron beneficiarse desta alianza corenta persoas, das que un total de quince puideron facerse cun emprego. Ademáis, mostráronse interesadas máis dunha vintena de empresas en coñecer aos participantes. O proxecto propón itinerarios teórico-prácticos en silvicultura e xestión forestal sostible, unha labor de alta demanda a nivel autonómico.
Durante a visita, Teresa Rodríquez de Tembleque destacou que “este proxecto é un claro exemplo de compromiso coa inclusión e a igualdade. Para a Fundación Iberdrola España é moi importante o valor de cada persoas e a importancia de proporcionar oportunidades para que todos poidan alcanzar os seus soños e aspiracións”.
Pola súa banda, Xoan España expresou que “é fundamental a integración sociolaboral como motor de desenvolvemento sostible e benestar social, e nós dende Amicos agradecemos o compromiso e a colaboración neste ámbito da Fundación Iberdrola. Somos conscientes de que a integración sociolaboral constitúe un pilar fundamental para a construcción de sociedades inclusivas e equitativas, e comprometémonos a unir esforzos, compartir recursos e traballar de forma coordinada para facilitar oportunidades de emprego e formación, promovendo o acceso igualitario aos beneficios da actividade laboral”.
Seis anos de colaboración
A alianza entre a Fundación Iberdrola e a Asociación Amicos botou a andar no ano 2018 a través do Programa de Axudas Sociais do grupo con sede en Bilbao. A finalidade era realizar distintos obradoiros que favorecesen a cualificación e a adquisición de rutinas e habilidades comunicativas de persoas con discapacidade da contorna do Barbanza.
Outro dos ámbitos de colaboración entre ámbalas institucións é o referente ao coidado medioambiental. Ao abeiro do programa Bosque Defensa-Iberdrola, as Ecobrigadas de Amicos colaboraron coa entidade na repoboación das dez hectáreas do campo de tiro de Noia, na que se plantaron un total de 7.000 árbores autóctonas. A plantación foi inaugurada en setembro de 2023, e os traballos de mantemento extenderánse arredor de dous anos.
NOVAS EN MEDIOS
Para máIs información:
981 865 716
658 753 047