• Corenta mulleres participaron nun total de 1181 sesións individuais e 1655 horas de intervencións
  • O programa Mulleres, discapacidade e prevención do maltrato está financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade, en colaboración co Plan Corresponsables, e pola Unión Europea a través do FSE+ Galicia 2021-2027

A violencia de xénero afecta con especial intensidade ás mulleres con discapacidade. A súa menor presenza no mercado laboral, a dependencia de terceiros para o coidado, as dificultades de defensa persoal e o temor a denunciar son factores que as sitúan nunha posición de clara desvantaxe fronte ao maltrato.

Para combater e reverter esta realidade, dende Amicos puxemos en marcha o programa Mulleres, discapacidade e prevención do maltrato, no marco das Subvencións a entidades de iniciativa social para programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade, en colaboración co Plan Corresponsables e cofinanciado parcialmente pola Unión Europea a través do FSE+ Galicia 2021-2027.

Ao longo de 1181 sesións individuais e 1655 horas de intervencións, o programa centrouse en:

  • Asesoramento legal, información sobre os dereitos das mulleres e como poden ser protexidos a través da lei.
  • Educación e formación vinculada ao coñecemento e garantía deses dereitos, abordando cuestións como: violencia de xénero, agresións e abusos sexuais, acoso, conciliación, discriminación por razón de sexo, prostitución e trata, dereitos laborais e sociais, e dereitos específicos das persoas con discapacidade.
  • Mediación e resolución de conflitos, facilitando ferramentas para resolver situacións difíciles de forma pacífica e sen violencia.
  • Rede de apoio cun acompañamento constante, derivación a entidades especializadas e seguimento personalizado para dar resposta ás necesidades detectadas en cada participante.

En total, corenta mulleres participaron neste proceso de apoderamento persoal e profesional, no que reforzaron a súa autoestima, adquiriron novas ferramentas de protección e avanzaron cara a unha vida máis autónoma e libre de violencia.

 

Para máis información:

981 865 716

658 753 047

hola@amicos.org