Esta semana pechamos en Boiro unha nova formación do programa +Emprego. Durante cinco días, sete participantes mergulláronse no mundo da cociña da man do chef Miguel Mosteiro no Gastrolab Arousa.

A través dunha proposta centrada na elaboración de tapas, o alumnado puido coñecer de preto o traballo que se desenvolve nunha cociña profesional, aprender novas técnicas e enfrontarse a tarefas semellantes ás que atoparía nun contorno laboral real.

 

 

 

 

Máis alá da aprendizaxe culinaria, a formación permitiu ás persoas participantes adquirir competencias prácticas, coñecer o funcionamento dunha cociña profesional e seguir avanzando no seu itinerario de inserción laboral. As sete persoas participantes, con discapacidade, en situación de desemprego ou en risco de exclusión social, atoparon nesta experiencia unha oportunidade para ampliar coñecementos e achegarse a un sector con demanda de emprego.

A última xornada estivo marcada pola degustación das tapas elaboradas durante o curso e pola entrega de diplomas, un momento para compartir o aprendido e poñer en valor o traballo realizado ao longo da semana.

Este curso forma parte do programa +Emprego 2026, financiado pola Fundación “la Caixa” e desenvolvido no marco do Programa FSE+ de Inclusión Social, Garantía Infantil e Loita contra a Pobreza 2021-2027.

Para máis información:
981 865 716
658 753 047
hola@amicos.org