• Antonio Álvarez, Alejandro Castro e Álvaro Roura visitaron o Centro de Atención Integral de Amicos para descubrir o funcionamento do Laboratorio de Macroalgas e do Hospital de Corais
  • Os activistas medioambientais da entidade foron os encargados de explicar os procesos de cultivo, conservación e reintrodución das especies mariñas

 

Este xoves, 11 de xuño, recibimos no Centro de Atención Integral de Amicos a visita do director de Sostibilidade do Grupo Profand, Antonio Álvarez; do técnico de Sostibilidade e Medioambiente da multinacional pesqueira, Alejandro Castro; e do director técnico de Octolarvae, Álvaro Roura. Con eles compartimos o traballo que desenvolven @s nos@s activistas medioambientais na restauración e conservación dos ecosistemas mariños.

Foron os propios activistas medioambientais de Amicos, tanto o alumnado-traballador da Formación Dual Natura II como os nosos axentes sensibilizadores, os encargados de conducir a visita e explicar o funcionamento do Laboratorio de Macroalgas e do Hospital de Corais, dous dos espazos máis singulares da nosa área medioambiental.

Así, durante a visita, os representantes de Profand coñeceron o proceso de cultivo das laminarias no laboratorio, desde as súas primeiras fases de desenvolvemento ata o momento no que están preparadas para ser devoltas ao mar. Tamén puideron descubrir o traballo que realizamos no Hospital de Corais, onde se levan a cabo tarefas de recuperación, mantemento e preparación de especies como as gorgonias antes da súa reintrodución nos fondos mariños.

 

 

 

 

Ao longo da xornada abordáronse tamén as necesidades técnicas e ambientais que requiren especies clave para os ecosistemas costeiros como as laminarias, as gorgonias ou a zostera, así como a importancia da colaboración entre entidades sociais, empresas e comunidade científica para avanzar na súa conservación.

Todo isto baixo o marco do proxecto Cabalga II, que conta coa colaboración da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxia e o Reto Demográfico, a través do programa PLEAMAR, cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) da Unión Europea.

Máis alá da dimensión ambiental, a visita serviu tamén para poñer en valor o papel das persoas con discapacidade intelectual como axentes conductores destas iniciativas.

 

Unha colaboración con raíces profundas

O Grupo Profand e Amicos impulsamos de forma conxunta o Bosque Comestible Profand dende fai varios anos. Esta iniciativa, englobada no marco da estratexia de sustentabilidade Profand 4 Future, trátase dun proxecto situado en Cangas que aposta por un modelo de desenvolvemento sostible e responsable, combinando inclusión social e coidado do medio ambiente.

Esta iniciativa naceu como unha alianza que busca explorar novas vías de cooperación arredor da sustentabilidade, a conservación ambiental e a xeración de oportunidades para as persoas con discapacidade intelectual para fortalecer a súa inclusión no mercado laboral e na vida social.

 

 

 

 

Para máis información:

981 865 716

658 753 047

hola@amicos.org