• No Comité Social de Arousa-lab seguimos traballando xunto ás administracións, ao sector pesqueiro, ao persoal investigador e ás entidades sociais para coidar o mar e fortalecer o vínculo co noso territorio.

• Durante a xornada presentamos novos materiais educativos e participamos en accións de restauración mariña na illa de Sálvora.

Esta semana reunímonos en Aguiño para celebrar unha nova sesión do Comité Social de Arousa-lab, un espazo de colaboración que reúne representantes da administración, do sector pesqueiro, da investigación, das empresas e das entidades sociais cun obxectivo común: poñer en valor a cultura mariñeira e promover o coidado da nosa contorna mariña.

Durante a xornada fixemos balance das accións desenvolvidas nos últimos meses e presentamos un novo caderno educativo dirixido aos centros escolares, deseñado para achegar aos nenos e nenas á biodiversidade da ría, ás artes de pesca tradicionais e ao importante papel que desempeña a xente do mar.

 

 

 

Tamén coñecemos de primeira man o traballo que desenvolve Octolarvae no estudo e restauración de distintas especies mariñas, así como as iniciativas que se están impulsando para fortalecer a biodiversidade e a sustentabilidade dos nosos ecosistemas.

A xornada concluíu cunha visita á illa de Sálvora, onde participamos en varias accións de restauración mariña. Alí realizamos a solta de máis de 100 soportes de laminarias, gorgonias e preto de 800 camaróns de entre un e cinco meses de desenvolvemento, contribuíndo á recuperación dos fondos mariños e ao fortalecemento da biodiversidade da ría.

Desde Amicos seguimos apostando polo diálogo, a cooperación e o traballo conxunto como ferramentas fundamentais para protexer o noso patrimonio natural e apoiar ás comunidades vinculadas ao mar.

 

Novas nos medios
CANAL BARBANZA
DIARIO DE AROUSA
DIARIO GALLEGO
O BARBANZA
EL CORREO GALLEGO
LA VOZ DE GALICIA
XUNTA DE GALICIA

 

Para máis información:
981 865 716
658 753 047
hola@amicos.org