- Impulsamos con Fundamar, e co apoio da Rede Eusumo da Xunta de Galicia, esta iniciativa para crear novas oportunidades laborais vinculadas ao patrimonio marítimo-pesqueiro.
- A nova plataforma reúne toda a información do proxecto e permitirá conectar persoas, empresas e entidades arredor dun modelo de turismo máis inclusivo e sostible.
Fai uns meses, Amicos e FUNDAMAR unímonos nun novo proxecto para seguir impulsando a inclusión e a posta en valor do mar e os sectores relacionados, a través da iniciativa Ronsel de Mar. Co apoio da Rede Eusumo da Xunta de Galicia, esta iniciativa nace co obxectivo de impulsar un modelo de marítimo accesible, inclusivo e sostible.
Ronsel de Mar xa conta cun espazo desde o que queremos compartir todo o que estamos construíndo xuntos para demostrar que o patrimonio marítimo-pesqueiro tamén pode ser un motor de inclusión social e laboral.
A iniciativa busca crear novas oportunidades de emprego para persoas con discapacidade, favorecendo a súa formación e participación en actividades vinculadas ao turismo, á cultura mariñeira e á posta en valor do noso litoral. Ao mesmo tempo, pretende facer máis accesibles os espazos e experiencias relacionadas co mar, promovendo un turismo responsable, sostible e pensado para todas as persoas.
Para conseguilo, o proxecto aposta por fortalecer a colaboración entre entidades da economía social, administracións públicas e organizacións do sector marítimo-pesqueiro, xerando unha rede de traballo que combine inclusión, innovación e desenvolvemento territorial.
Esta nova web permitirá coñecer as actividades que iremos desenvolvendo e descubrir como persoas, empresas e entidades poden formar parte desta iniciativa. E aínda que a web acaba de estrearse, Ronsel de Mar leva xa varios meses navegando.
Durante este tempo organizamos encontros con entidades e profesionais do sector turístico, cultural e marítimo-pesqueiro, compartindo experiencias e coñecendo iniciativas que poden contribuír á creación dun turismo cada vez máis inclusivo. Entre elas, entidades como Alecrín, Pepe Vieira, Amarcarril ou Vigo Pesqueiro, ademais dos obradoiros sobre turismo inclusivo e accesible que xa comezamos a desenvolver.
Estas accións forman parte dun percorrido que continuará nos próximos meses con novas visitas, encontros e actividades orientadas á consolidación da figura dos Axentes de Turismo Inclusivo, un perfil que é ponte entre o patrimonio marítimo, as persoas e o emprego.

Un espazo para conectar persoas e empresas
A web tamén nace como unha ferramenta útil para conectar talento e oportunidades.
As persoas interesadas poderán enviar o seu currículo para formar parte da bolsa de emprego de Ronsel de Mar, mentres que empresas e entidades do sector marítimo-pesqueiro dispoñen dun espazo onde compartir ofertas e necesidades de contratación. Un punto de encontro que busca facilitar conexións reais e seguir impulsando un emprego inclusivo e de calidade.
Segue máis deste proxecto visitando a páxina ou a través das nosas redes sociais e das de FUNDAMAR.
Para máis información:
981 865 716
658 753 047


