- Quince mozos e mozas con e sen discapacidade compartiron dúas semanas de convivencia, voluntariado ambiental e aprendizaxes compartidas.
- A directora xeral de Xuventude da Xunta de Galicia acompañounos na xornada de clausura desta sétima edición.
Dúas semanas compartindo experiencias, descubrindo o territorio galego e demostrando que a inclusión e o compromiso co medio ambiente poden avanzar da man. Así vivimos a sétima edición do noso Campo de Voluntariado Xuvenil, unha iniciativa organizada por Amicos co apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia.
Na xornada de clausura recibimos a visita da directora xeral de Xuventude, Lara del Carmen Meneses, que nos acompañou durante unha acción ambiental no Parque Natural de Corrubedo. Tamén participaron a alcaldesa de Ribeira, María José Sampedro, e a concelleira de Xuventude, Carmen Pérez, que tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man as experiencias vividas polos participantes ao longo destas dúas semanas.
O grupo estivo formado por quince mozos e mozas con e sen discapacidade intelectual, procedentes de diferentes puntos de Galicia e doutras comunidades autónomas. Durante a súa estancia conviviron no camping Praia Ría de Arousa, na Pobra do Caramiñal, desde onde se desprazaron a distintos espazos naturais para desenvolver accións de voluntariado ambiental e actividades de sensibilización.

Ao longo do campo participaron na recollida de residuos en praias e montes, na clasificación de lixo mariño, na identificación de especies autóctonas, na eliminación de especies invasoras e en diferentes accións de conservación en espazos de especial valor ecolóxico como o Parque Natural de Corrubedo ou o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas.
Pero este Campo é tamén un espazo para convivir, compartir e aprender. Os roteiros culturais, as visitas patrimoniais, os obradoiros, os xogos de sensibilización, as sesións de cine e as dinámicas de grupo convertéronse nunha oportunidade para crear vínculos, descubrir novas realidades e coñecer mellor o patrimonio natural e cultural de Galicia.
Con esta sétima edición seguimos consolidando un proxecto que promove a participación activa da mocidade, o respecto pola diversidade e o coidado do territorio. Porque cada edición deixa unha pegada que vai máis alá das accións ambientais: crea relacións, rompe barreiras e forma unha nova xeración de activistas sociais e ambientais.
NOVAS EN MEDIOS
Para máis información:
981 865 716
658 753 047
hola@amicos.org


